As Ray-Ban Meta incorporan novas prestacións

martes, 23 de abril do 2024 Marcus Fernández

Tras un período de probas con éxito, as lentes conectadas Ray-Ban Meta dan un paso adiante nos EE.UU. ampliando a súa colección e mellorando as súas capacidades, converténdose nun produto que pode adaptarse a un maior número de usuarios para os que resulta moito máis útil.
Aparte das monturas Wayfarer, agora están tamén dispoñibles as novas monturas Skyler, e tamén unha versión das Headliner con axuste de ponte baixo, de xeito que agora hai unhas lentes Ray-Ban Meta que acaen ben a case calquera forma de cara, e xa están dispoñibles para a súa venda en España a un prezo que vai dende os 329 aos 409 euros.
Nalgúns mercados as lentes tamén están dispoñibles na plataforma Ray-Ban Remix, de xeito que poden crearse centos de combinacións de marcos e lentes, compatibles todas con lentes graduadas.
Esta semana tamén van lanzar unha edición limitada da escudaría Ferrari, deixando claro que queren manter este tipo de produto á última.
Pero a novidade máis importante para as Ray-Ban Meta non é a ampliación da súa colección, senón que varias das súas prestacións en probas xa están dispoñibles para o público xeral nos EE.UU. e Canadá e en inglés (máis adiante chegarán a outros idiomas e territorios), como o uso de Meta AI, de xeito que os usuarios poden agora dicir Hey Meta para logo preguntar o que queiran ás lentes, e recibir unha resposta falada, controlar algunha función (como a reprodución musical) e incluso tirar proveito das capacidades multimodais da intelixencia artificial de Meta interpretando imaxes (polo que as lentes poden acceder á súa cámara integrada para describir o que temos diante, traducir un texto ou achegar máis información sobre un punto de interese).
Outro cambio moi importante é que agora as Ray-Ban Meta non só poden empregarse como cámara externa do noso smartphone para directos de Instagram, senón que tamén poden empregarse para compartir o noso punto de vista en videoconferencias de WhatsApp e Messenger, tendo así unha utilidade práctica entre os usuarios ordinarios, achegándose ao público xeral e non só aos influentes que viven de crear contidos nas redes sociais.

As Ray-Ban Meta poden agora achegar información sobre o que teñamos diante grazas a que a IA de Meta pode entender as imaxes que capta a cámara das lentes

PUBLICIDADE