Finetwork ofrece unha segunda liña de fibra por 14,90 €/mes

Finetwork vén de adiantar novidades na súa oferta de tarifas para o mes de maio. Nese mes, máis de 80.000 usuarias da compañía verán incrementada a franquía de datos nas súas tarifas de móbil ou a velocidade da súa fibra. Ademáis, como vén sendo habitual na marca, estas novidades aplicaranse de xeito automático, sen necesidade de que as usuarias teñan que solicitalo. Contra final de mes, máis de 200.000 clientes da compañía terán mellorado os seus plans.

Mais se cadra, unha das novidades máis relevantes da nova oferta de Finetwork é a chegada da Segunda Fibra. Trátase dun plan que permite contratar unha segunda conexión de fibra por 14,90 €/mes, prezo definitivo. Esta conexión, con velocidade simétrica de 300 Mbps, pode contratarse para empregarse en segundas residencias ou para un familiar, entre outros supostos.

A instalación e o router están incluídos no prezo da tarifa, que establece unha permanencia de 12 meses. A única condición que impón a compañía é que a cliente debe ter contratada previamente unha tarifa de fibra, e o enderezo debe ser distinto.

Coa chegada de Segunda Fibra, Finetwork únese a outros operadores -principalmente as principais marcas- que viñan prestando un servizo semellante, mais cun prezo moito máis contido.. Orange ofrece 600 Mbps ou 1 Gbps (segundo a velocidade contratada) por 24,95 €/mes, mentres que Vodafone ten 300 Mbps por 20,80 €/mes. Por un prezo similar, 20,99 €/mes, MásMóvil ofrece 500 Mbps. Por último, Movistar ten unha alternativa con 10 Mbps por 16 €/mes e outra con 300 Mbps por 22,99 €/mes.

Sobre o autor

Reply