domingo, 22 de xaneiro de 2023

Boliños de cebola e queixo

 Bo día, bolboreteirxs! Como estades? Nós estamos moi ben, cociñando moito aproveitando estes días que viñeron con tanta choiva, e animando ao peque a que participe con nós da cociña e el feliz amasando, mesturando e escollendo ingredientes. 

Como sabedes, somos consumidores de páxinas de cociñas para inspirarnos coas nosas receitas. Esta receita vímola nun deses vídeos de Youtube, de Violeta West, unha rapaza que fai unhas receitas sinxelas e deliciosas, e non podíamos deixar de facela: masa+cebola+queixo? Tiña que saír perfecta e así foi. Saíron uns boliños perfectos para tomar como petisco ou acompañar nas nosas comidas ou ceas. Ese recheo de cebola recórdanos ao sabor da típica sopa de cebola francesa e xunto co queixo, unha delicia absoluta. 

Aínda que parezan moitos ingredientes, a receita é moi sinxela. Aquí vola deixamos:


Boliños de cebola e queixo


Ingredientes:

  • Masa de pizza, a que máis vos guste. 
  • 2 cebolas
  • 1 vaso de auga
  • 1 onza de caldo de carne      
  • 1 cullerada grande de fariña
  • 6 anacos de queixo 
  • Queixo relado
  • Pementa moída
  • Tomiño
  • Sal
  • Un anaco de manteiga
  • AOVE

Utensilios: unha tixola, unha táboa e un coitelo, unha cunca grande e unha espátula (ou unha amasadora), papel vexetal e unha fonte para o forno. 


Elaboración:

Para comezarmos, temos de facer a masa para facer os nosos boliños. Nós fixemos a que adoitamos usar para as pizzas (fariña, auga, aceite, lévedo e sal), mais podedes usar a que máis vos guste. En Bolboretas no bandullo tedes moitas opcións, tamén. 


Mentres a masa sube, facemos o noso recheo. Nunha tixola, rustrimos dúas cebolas, cortadas en xuliana, nun pouco de manteiga. 


Sazonamos o sal, a pementa e o tomiño. 


Deixamos que se cociñe a lume lento até que a cebola estea moi brandiña e dourada. Daquela, botamos a fariña e mesturamos moi ben. Rustrimos un par de minutos para evitar que se note o sabor a fariña e botamos a onza de caldo diluída na auga. Cociñamos 10-15 minutos a lume baixo até que se evapore o líquido e teñamos unha salsa algo espesa. 



Agora, estiramos a nosa masa e repartímola en varias porcións. Botamos en cada unha, unha pouca da cebola. 


Sobre a cebola, poñemos un anaco de queixo. Neste caso, usamos queixo San Simón. 


Facemos os boliños. 


Pintamos con aceite e botámoslles un pouco de queixo relado. 







Enfornamos a 220º, calor arriba e abaixo, durante 20-25 minutos. 


Deixamos que se atemperen un pouco e xa estarían listos para comer! 


Agardamos que vos gusten e que poñades esta receita en práctica. 


Nós fomos "bastante" fieis á receita orixinal. Porén, podemos xogar cos ingredientes e cos nosos gustos, por exemplo, engadindo algunha verdura máis ou un pouco de xamón ou bacon para facelos máis completos. Sexa cales sexan os ingredientes escollidos, seguro que son todo un éxito estes boliños. 
Aperta forte, bolboreteirxs! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario