Trinxat

Hai receitas nas que todo iso de sinxelo, rápido, con poucos ingredientes e sabedeiro é unha realidade. O trinxat é definitivamente unha delas. Teno todo para ser unha receita de éxito. Os ingredientes son sinxelos, de tempada, no seu mellor momento agora nestes días de inverno. Unha receita moi boa para quentar o corpo e que ademais está boísima. Podedes facela con repolo, col, verzas, nabizas ou grelos. Ou ata o podedes facer coas verduras e patacas que vos sobren de facer o cocido.

trinxat

Eu fixen a receita seguindo un libro de cociña que merquei en Andorra, con receitas típicas de alí. E o resultado gustoume moito. Como este trinxat o fixen tamén para as crianzas, non mesturei o touciño co repolo e as patacas (por se non lles gustaba), mais podedes deixarlle uns anacos para poñer por riba e deixar outros mesturados co resto. Ou ben mesturar todo, ou non mesturar nada, como fixen eu. Iso xa ao gusto de cada quen. Ah! E aínda que quede con forma de tortilla, non leva ovos. Polo que se o queredes acompañar de touciño vegano, ou de calquera outro produto que non sexa de orixe animal, é unha receita 100% vegana.

trinxat

IngredientES para 4 persoas

  • 1 repolo grande

  • 4 patacas (unha por persoa)

  • touciño en anacos ou como máis vos guste

  • 5 dentes de allo

PREPARACIÓN

  • Limpamos ben o repolo e cortámolo en anacos.
  • Poñémolo a cocer en abundante auga con sal durante uns 20 minutos.
  • Mentres, pranamos e cortamos as patacas en anacos. Engadímolas pasados os 20 minutos e deixamos que se cociñe todo ata que as patacas estean cocidas.
  • Sacamos todo do lume, escorremos e agora toca “trinxar”, ou ben cun garfo ou ben coa escumadeira. O que iremos facendo será romper as patacas e mais o repolo para que vaia quedando como un puré.
  • Nunha tixola, poñemos o touciño a fritir sen aceite ata que estea crocante.
  • Sacamos o touciño e botamos os allos enteiros pelados. E cando estean lixeiramente torrados, sacámolos. (Eu saqueinos para que non lle deran moito sabor a allo, mais non hai por que sacalos. Podédelos deixar co repolo e as patacas. E isto tamén volo digo sobre o touciño, hai que deixa un pouco para poñer por riba e outro pouco mestúrao co resto.)
  • Engadimos o repolo e as patacas que xa “trinxamos” e remexemos todo ben ata que vexamosq ue se vai despegando lixeiramente da tixola e se vai vendo máis douradiño. Salgar, se se precisa.
  • Dámoslle forma de tortilla, deixamos que quede un chisco torradiños, dámoslle a volta e deixamos que se torre polo outro lado, quedando como unha tortilla.
  • Sacamos do lume nun prato e poñémoslle o touciño por riba. trinxat

É unha receita perfecta para calquera padal. Suave, unha textura agradable, tipo puré, con moito sabor e que podedes adaptar perfectamente aos vosos gustos. E ademais, vai xenial para os días de frío, pois quenta ben o corpo e non precisa de moita preparación nin de ingredientes complicados. De feito, podedes empregar calquera verza que teñades na vosa horta ou a que máis vos guste.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.