domingo, 29 de xaneiro de 2023

Unha viaxe culinaria por Kobenhavn

 Unha viaxe culinaria por Copenhague

 
Bombón de nubes e chocolate
Bombón de nubes 
No pasado mes de decembro tivemos a oportunidade de cumprir un antigo desexo, coñecer a capital de Dinamarca. Levamos moitas anotacións para completar: vivir ese espírito de Nadal tan característico, descubrir un pouco do famoso hygge, achegarnos á fantasía que representa o Tívoli e claro, saborear unha gastronomía como a nórdica, bastante distante da nosa e da que tiñamos pouco coñecemento até o momento. 
Ides ver segundo vos contamos que ten certos puntos de conexión coa cociña británica aínda que fica niso, nalgunha similitude. E un cheiro que inunda a cidade, a canela. Que gozada!
Røde polser
Ollo, cómpre ser honestos e ir coa verdade por diante por se logramos motivar a alguén a realizar esta viaxe. Kovenhavn é un lugar carísimo para o nivel económico dunha persoa chegada da Galiza. Temos estado noutras capitais europeas e en urbes xigantes coma New York e nunca viramos estes prezos. Iamos avisados, lemos diversos artigos de viaxes e ollabamos nas redes e aínda así ficamos moi sorprendidos. Para comer sen pagar cerca de 40/50 euros persoa hai poucas opcións, comprar no supermercado ou parar nos diferentes postos de rúa. Precisamos que os food tracks destacan na decoración de cada mercado de Nadal e ofrécennos sempre a posibilidade de facer un descanso. 
Hainos diversos, mais o que ides atopar principalmente e que forman parte da esencia culinaria danesa son os røde pølser, uns hot dog cunha salchicha vermella alongada tradicional, e que adoitan cubrir con salsas, cogombriños, cebola... E o acompañante que encontraredes é un clásico das cidades frías, o glogg, viño quente aromatizado con canela (velaquí a tedes xa). Non somos nós moi de viño, mais daba a sensación que alí entraba ben; hai que ter en conta que estabamos arredor dos 3 graos e todo o que fose quentar o corpo, prestaba.
E que tiñamos ganas de probar si ou si nesta viaxe? Pois o salmón. Sabiamos que era un dos alimentos clave mais aquí agardabamos máis. Encontramos nos restaurantes máis salmón afumado que doutro tipo e aínda que estaba boísimo, ficamos coas ganas dun destes peixes á grella. 
Salmón
Smørrebrød
Pola contra, o que foi todo unha descuberta foron os smørrebrød, o “almorzo nacional de Dinamarca”, un sándwich co pan tradicional da zona, o de centeo, e con diferentes opcións de recheo, moi diferentes ás de aquí: porco asado, panceta, polo, cogombriños, queixos, roastbeef... Fomos ao sitio adecuado, o clásico “Smagsløget”, no barrio de Vesterbro, que era xusto onde tiñamos o hotel. Todo unha fartada de comer, con sabores moi peculiares e si, por fin, por un bo prezo!
Precisamente o porco asado, flæskesteg, é un dos pratos favoritos en Dinamarca, e en especial da época do Nadal. Sácase do lombo e mantense o coiro, logrando unha cuberta crocante e unha carne moi tenra. Delicia!
Frikadeller
Seguíndomos de salgado... chegamos ás frikadeller. Unha variante das nosas albóndegas moi saborosa en que destaca a presenza da manteiga. Si, por estas zonas, sonvos máis calóricos, será o truco para espantar a friaxe. Estas bólas de carne fritas adoitan acompañarse de verduras conservadas en vinagre e tamén ás veces de patacas. Hai unha versión de peixe bastante sonada, os fiskefrikadeller, aínda que non demos con ela. 
Burguer
As hamburguesas xa non se poden incluír aquí como un prato autóctono mais escoitando o que escoitaramos previamente, nós o primeiro que fixemos nada máis chegar ao centro foi papar unha. Está claro que son moitas as cidades en que se poden encontrar burguers boísimas e Copenhague é unha das que destaca na oferta. Por certo, aquí tenden moito a utilizar moito máis como acompañante o boniato (pataca doce) que as patacas fritas.  
Æbliskiver
Como non paramos de comer (e queimar, porque viñemos andando uns 15 km por día) habería moito máis por comentar mais cómpre meterse xa cos doces. Pastelarías por todos lados e, repetimos, un olor a canela case que hipnótico. Moitas das larpeiradas levaban este aderezo, e a cada pouco atopabámonos cos kanelsnurrer, eses internacionais rolos de canela que aquí alcanzan a perfección. 
Kanelsnurrer
Outra lambiscada para repetir unha e mil veces son os æbleskiver, similares ás chulas redondas, que alí adoitan acompañar con doce de amorodo, chocolate etc. 
Chocolate quente
E falándomos de chocolate… recordamos o que é outro dos olores da cidade, que nos leva a procurar unha porta en que nos gorecer do frío cunha cunca ben quentiña que tenden a adozar aínda máis. Merecen tamén mención as sobremesas que nos encontramos en diversos restaurantes, sempre moi coidadas na presentación e logrando marabillar en todas as ocasións os nosos padais: crumblecheesecake… aínda que aquí xa nos imos a receitas máis globalizadas. 

Æbliskiver
Torta de queixo

E talvez alguén se estea preguntando: “e as famosas galletas danesas?”. Pois estaban, estaban tamén, mais esas viñeron de recordo para a avoa, que precisaba unha nova caixa para os fíos. 

Royal dansh cookies


Non podemos máis que animarvos a visitar Kobenhavn e papala anaco a anaco. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario