Amadeo López Bello e a revolución pedagóxica

Vivir no primeiro terzo do século XX non foi doado. Unha época de convulsión, cambios e mudanzas en todas as esferas da sociedade que tivo os seus ecos nun rural que, nalgúns aspectos, parece ser inalterable. Amadeo López Bello foi unha daquelas persoas que, pese a nacer no interior ourensán, fomentou a chegada de ideas rexeneradoras á súa aldea natal. Nacera en Carballeda de Avia (Ourense) o 13 de decembro de 1903. Fillo de Amadeo López Vázquez e Amparo Bello Carballo, tanto el como a súa irmá Carmen seguirían a tradición materna e converteríanse en mestres. Amadeo finalizou os estudos de maxisterio en xuño de 1927, aprobando as oposicións pouco despois, en 1930, con 26 anos1. Antes de chegar á escola de Beiro, no seu concello natal, o seu primeiro destino foi na Piúca (Maceda), onde compartía xornada con Albino Núñez, docente co que traballaría anos despois na dirección da revista Escuela del Trabajo, vinculada á Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Orense (ATEO).

Da utopía…

Un dos primeiros contactos rexistrados de Amadeo López Bello coa vida política e cultural daquel Ourense foi a súa colaboración na revista Nós. Dentro da sección “Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza”, foron incluídos dous contos populares recollidos por el na Limia titulados A pantasma castigada e Sucedido de lobos2. Con todo, o despegue da súa traxectoria política iníciase nos anos 30 do s. XX. A proclamación da II República en abril de 1931 fora seguida da instauración de novas corporacións municipais e comités republicanos na maioría de concellos. Amadeo, que comezara a súa militancia como afiliado ao Partido Republicano Radical, participara en mitins republicanos dende 1930. Durante a súa xuventude sufrira a evolución ideolóxica dende a defensa da monarquía alfonsina a finais dos anos 20 ao republicanismo radical a comezos dos 30, entroncado cunha crítica feroz ao caciquismo e a defensa do mundo rural.

Nesta primeira etapa participou en numerosos actos republicanos no interior ourensán. Por exemplo, pronunciou un mitin xunto ao galeguista Roberto Blanco Torres e ao socialista Manuel Suárez Castro nun acto republicano en Medos (San Xoán de Río). La Zarpa recolle como Amadeo L. Bello falou en galego criticando a influencia do caciquismo na escola e ensalzando á República coma o único réxime capaz de crear un ensino proveitoso. Mitins coma este axudan a comprender os dous piares sobre os que se asentaba o seu pensamento político: o anticaciquismo e a redención dos labregos a través da educación. No Ribeiro, a súa comarca natal, tamén participou en actos republicanos. Tanto en Avión, onde estivo acompañado por Antonio Buján, polémico socialista ribadaviense, e o deputado republicano-radical Luís Fábrega, coma en Leiro, eloxiando o sindicalismo xunto a militantes destacados da comarca como Agustín Baladrón Carrera ou Felisindo Álvarez Xesteira. Tamén asistiu a un ciclo de conferencias organizadas pola Sociedad Cultural Sporting Club de San Clodio (Leiro). Baixo o título “El sistema sindical y el hombre campesino” impartiu un discurso un tanto ludista e colectivista, situando ao sindicalismo como único método para solucionar a miseria campesiña do momento 3.

Intervención de Amadeo López Bello nun mitin en Leiro. El Ribadaviense (16-5-1931), p. 3.

…ás aulas

Na conferencia que Amadeo realizou en San Clodio tamén eloxiou a sociedades culturais-deportivas como a mencionada, insistindo na necesidade de formar centros de cultura no mundo rural para instruír a xuventude. Este exemplo é ideal para comprender como a súa faceta militante non ficou restrinxida á política pública, senón que a ideoloxía que profesaba influíu nunha concepción do ensino distinta á oficial. Defensor e crítico a partes iguais da reforma educativa republicana, concibía á educación coma o método máis importante para resolver os problemas do mundo labrego onde se criara e medrara. Era membro da ATEO e do consello editor da revista Escuela del Trabajo, na que en varias ocasións manifestou como insuficiente a reforma educativa da II República. Consideraba que, pese ás políticas progresistas da época, “aún existe el niño porque puede económicamente su progenitor; y vive en la doble indigencia mental y material el niño proletario y campesino”. Asumiu ao soviético como modelo a seguir para implantar métodos comunitarios na escola, por ser esta un órgano vivo na que nacía unha nova concepción da sociedade4.

No verán de 1933 Amadeo asistiu como representante da ATEO ao VI Congreso Internacional de Asociaciones del Magisterio organizado en Santander. Na crónica que fixo do evento criticou a excesiva burocratización do ensino dalgunhas propostas pedagóxicas expostas no evento, así como a asistencia ao mesmo de representantes da Alemaña nazi. Porén, fala con orgullo das ideas pacifistas e antibelicistas que dominaron o congreso, fundamentais segundo el para un ensino eficaz. A súa implicación co maxisterio provincial tamén se denota coa súa presencia na Semana Pedagóxica organizada no Ribeiro na primavera de 1934. Personaxes ilustres da provincia como Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco participaron tamén como conferenciantes, aínda que a Semana Pedagóxica de Ribadavia non tivo un carácter ideolóxico e militante tan forte coma noutras ocasións, como salienta con entusiasmo La Región. Non obstante, Amadeo López Bello participou no evento realizando unha “lección práctica”, é dicir, unha sesión de exemplo do seu método pedagóxico con alumnos da escola de Beiro (Carballeda de Avia), na que traballaba5. Naqueles meses casou coa mestra Concepción Viéitez Figueiredo aínda que, sen que o noso protagonista o soubese, aquel ano remataría cun episodio dramático na súa traxectoria vital.

Un tráxico final

Na madrugada do seis ao sete de outubro de 1934 producírase un corte na estrada Ribadavia-Beariz. Algunhas testemuñas acusaron a veciños da parroquia de Beiro como os autores materiais do suceso, entre os que se atopaba Amadeo López Bello. Diversas persoas ligaron o mestre coa sociedade agraria radical-socialista de Beiro, declarando incluso que os acusados sabotearan a estrada logo de estar escoitando a radio nun café de Leiro ata altas horas da madrugada, aínda que as probas non foron suficientes e os procesados resultaron absoltos6. O certo é que o Partido Republicano Radical Socialista tiña bastante forza no maxisterio ourensán. Así o advirtía a prensa católica dunha forma bastante tendenciosa, asegurando que “en muchas escuelas rurales se canta la Internacional (…) e instauraron en otros centros oficiales enseñanzas pintorescas sobre el problema sexual7. En todo caso, no interrogatorio ao que foi sometido, Amadeo afirmou ter unha moi mala relación co párroco da aldea e cun propietario local. A súa relación co estamento eclesiástico era bastante tensa, pois consideraba necesario “destruir la vieja escuela, donde se vertían y vierten toda clase de doctrinas contrarias a la vida por maestros con espíritu medieval”. Así, todo apunta a que o contexto represivo desatado tras os sucesos revolucionarios de Asturias foi tamén empregado polas elites da comarca para desarticular ás sociedades agrarias e militantes contrarios aos seus intereses e, ao mesmo tempo, resucitar o sindicalismo católico.

A súa aparente proximidade á sociedade agraria de Beiro, xunto á súa traxectoria como militante da ATEO e a mala relación co clérigo explican, que non xustifican, o seu asasinato no verán de 1936. O sindicalismo do Ribeiro medrara con forza tras a vitoria da Fronte Popular e incluso protagonizara certa resistencia á sublevación militar na comarca. Non obstante, o éxito final do golpe foi a sentenza definitiva para Amadeo López Bello. Foi encarcerado na prisión de Celanova e paseado o 29 de agosto de 1936 no lugar da Poza das Ras, en Ourille (Verea), xunto ao mestre Julio González Álvarez e ao farmacéutico Silvio Torres Díaz. Outros mestres do Ribeiro, vinculados coma el á ATEO, tamén foron represaliados. Félix Salgado de Moral, que exercía en Castrelo de Miño, morreu na fronte de Asturias mentres que o mestre de Ventosela, Raúl González Gómez, foi condenado á cadea perpetua.

O asasinato de Amadeo López Bello encarna a dura represión que sufriu o maxisterio ourensán a partir daquel tráxico verán. A muller de Amadeo, Concepción Vieitez, foi inhabilitada durante cinco anos e trasladada forzosamente fóra da provincia. Regresou a Beiro en 1945. A súa irmá, Carmen López Bello, foi suspendida definitivamente de emprego e soldo en 1940. Na actualidade, a memoria de Amadeo López Bello e da súa familia está a ser recuperada polo Comité de Memoria Histórica de Celanova, que traballa arreo para lograr a exhumación da fosa común de Ourille (Verea). Este pequeno artigo pretende ser unha peza máis para restaurar a dignidade daqueles mestres e mestras republicanas.

Imaxe de portada: asistentes á Semana Pedagóxica de Ribadavia. Vida Gallega (10-6-1934), p. 39.

Bibliografía

Xosé Manuel CID FERNÁNDEZ: Educación e ideoloxía en Ourense na IIª República: organización e acción socieducativa no maxisterio primario. Santiago de Compostela, Andavira, 2010.

Xosé Manuel CID FERNÁNDEZ e Rosa María CID GALANTE: “O asociacionismo do maxisterio ourensán no primeiro terzo do s. XX”, Sarmiento. Revista galego-portuguesa de historia da educación, 26 (2022), pp. 189-218 (p. 210).

Rosa María CID GALANTE: “Concepción Vieitez Figueiredo”, Historia das nosas mulleres ourensás (31/7/2022). Dispoñible en: https://mulleresourensas.blogspot.com/2022/07/concepcion-vieitez-figueiredo.html (consultado o 26/10/2022).

Julio PRADA RODRÍGUEZ: De la agitación republicana a la represión franquista. Ourense 1934-1939. Barcelona, Ariel, 2006.

_____________________

1 La Región (01/06/1927), p. 8 e La Región (01/06/1930), p. 1.

2 Nós (15/03/1929), pp. 54-55.

3 La Zarpa (26/08/1930), p. 3; La Zarpa (24/5/1931), p. 6 e La Zarpa (14/6/1934), p. 12.

4 Amadeo LÓPEZ BELLO: “España y las nuevas rutas pedagógicas”, Escuela del Trabajo (setembro, 1933), pp. 8-9.

5 La Zarpa (07/04/1934), p. 9.

6 Causa 392/1934. Orde 56. Arquivo Militar de Ourense, agora no Arquivo Militar do Noroeste (Ferrol).

7 “Nuestros radicales-socialistas”, La Región (22/10/1933), p. 1.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade