Unha boneca abandonada


En ocasións, gardamos asociacións aparentemente ilóxicas nas nosas cabezas, como pode ser un determinado alimento, por exemplo, ligado a unha mala experiencia que tivemos no pasado. É precisamente a base do sentimento do medo, que se define como un mecanismo de defensa que nos impide volver a vivir situacións perigosas para a nosa supervivencia. 

Outras veces, relacionamos conceptos polo simple feito de recoñecelos en conxunto en múltiples ocasións; o cinema e o resto dos artes teñen moito que ver con isto, tanto para ben como para mal. Nos sistemas simbólicos das películas repítense unha e outra vez clichés asociados a conceptos que non teñen por que ter unha base na nosa realidade. Eu, por exemplo, cando penso na guerra -así, en xeral- véñenme á cabeza moitas cousas, entre elas a imaxe dunha boneca abandonada, rota e pisada, no chan do campo de batalla. 

A este cliché -ou arquetipo, podemos debater máis adiante sobre a fina liña que separa ambos termos- adoitan chamalo empathy doll shoot -plano de boneca de empatía- e podemos situalo entre aqueles estereotipos orixinados e estendidos grazas á linguaxe cinematográfica, que precisa dun achegamento máis visual para explicar e transmitir ideas complexas e emocións. 

image

Cando unha persoa acomete a escritura dun guión, tenta levar ben gravada a lume na mente a máxima show, don’t tell, é dicir, que mostres no canto de contar. Neste senso “contar” refírese á explicación da boca das personaxes a través do diálogo ou do monólogo en voice over, o que en inglés se traduce como “exposition” e considérase un erro cando se fai no contexto menos axeitado, porque saca ás persoas da suspensión da incredulidade e polo tanto deixa de implicarse emocionalmente na narración. Que cando unha personaxe lle conta a outra explicitamente algo que ambos saben, pero o público non, e se nota que só o están a contar para a audiencia, nos decatamos de que nolo están a explicar a nós e fainos conscientes de que estamos vendo un filme, no canto de deixarnos levar de maneira fluída e sen costuras nin trucos a través do relato audiovisual, como se estivésemos dentro. 

Por iso o mostrar, non contar é importante na linguaxe cinematográfica. Aínda que non é necesario aplicalo en todos os casos, si é vital sabelo utilizar para dominar o arte cinematográfico. A metonimia, un recurso estilístico do que temos falado en varias ocasións nesta bitácora, é unha das principais armas de aqueles que se adican a contar historias sobre o celuloide á hora de transcribir un concepto difícil de transmitir de maneira visual. Lembremos, trátase de mostrar unha realidade a través de outra coa que teña unha relación coñecida polo espectador: expoñer unha causa a través das súas consecuencias, un contido polo seu contedor, un espazo polo obxecto ou suxeito que o ocupa, e viceversa en todos os exemplos. 

plano de boneca de empatía é precisamente unha metonimia que mostra, pero non conta, as consecuencias dunha guerra, dunha batalla, dun conflito violento: que a infancia, e por extensión todas as persoas inocentes, non están exentas das consecuencias. A boneca abandonada pertenceu a unha crianza, e o seu abandono supón en case todos os casos a implicación de que a crianza dona do xoguete morreu. 

Falabamos de que a metonimia axuda a transmitir unha idea difícil de expoñer de maneira visual; en ocasións, porque a idea é invisible, ou excesivamente complexa; noutras, como este caso, porque a realidade pódese mostrar, pero feriría moitas sensibilidades. Ver unha crianza falecida nun contexto de conflito bélico é unha imaxe moi dura, que non todos os tipos de filmes aceptarían mostrar. O shock emocional pode ser moi intenso para as espectadoras. Para iso precisamos a metonimia, para implicar cousas moi graves, sen ensinárnolas de maneira explícita. 

image

En ocasións, por fortuna, a boneca retorna ás mans da crianza, que escapou das peores consecuencias do conflito. A esperanza retorna á narrativa e o futuro volve a estar asegurado.

Mentres que nalgúns casos pode tratarse dun cliché sobresaturado que, como o seu propio nome indica, ten como principal función a de “dar pena” e apelar á sensibilidade e á empatía do público, en realidade, se lle dedicamos unha reflexión, trátase dun símbolo cun significado moi complexo e profundo: a boneca ligada á infancia, relacionada coa inocencia, cortada de raíz por culpa da violencia. Un futuro truncado, non só da crianza, senón de toda a comunidade, a vila arrasada, o colectivo ou o país. A inocencia ligada ao horror, para facelo máis visceral a través do contraste, como noutros arquetipos dos que temos falado, pero cun significado moito máis explícito e narrativo: unha boneca abandonada é a implicación da morte a destempo, un dos grandes traumas da humanidade. 

image

Quizabes por iso se trata dun dos arquetipos máis antigos, presente dende o cinema silente até os nosos días. Un arquetipo que alberga os maiores dos nosos medos, explicado dunha maneira clara e concisa, aínda que o faga a través dunha asociación conceptual moito máis complexa do que parece. Isto é só unha mostra de todas as posibilidades da linguaxe cinematográfica, o arte de compoñer ideas a través da imaxe en movemento. 

Até o vindeiro episodio!