Os novos Poco queren reinar na gama media

luns, 6 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

Xiaomi presentou hoxe dous novos smartphones da familia Poco, que sen ter grandes novidades, seguen a ser unha boa opción para usuarios que buscan dispositivos de grande potencia e prezo axustado, que chegarán ás tendas o vindeiro 13 de febreiro, e que os máis adiantados poderán conseguir con 50 euros de desconto.
O dispositivo de referencia sería o Poco X5 Pro 5G, un smartphone con procesador Qualcomm Snapdragon 778G, con 6/8 GB de RAM LPDDR4X, 128/256 GB de almacenamento UFS 2.2, pantalla AMOLED Full HD+ de 6,67 polgadas cunha velocidade de refresco de 120 Hz, lector de impresións dixitais no lateral, NFC, Wi-Fi 6, Bluetooth 5.2, altofalantes estéreo, conector para auriculares e batería cunha capacidade de 5.000 mAh con carga rápida de 67 watts. A súa cámara traseira tripla ten un sensor principal de 108 Mpíxeles con apertura f/1.9 e capacidade de gravación de vídeo 4K; mentres que a súa cámara frontal é de 16 Mpíxeles con gravación Full HD até a 60 imaxes por segundo. Coa promoción de lanzamento este teléfono sae a 299,99 euros con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento; mentres que o modelo con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento poderá adquirirse por 349,99 euros.
Para usuarios menos esixentes estaría o Poco X5 5G, un smartphone moi semellante, que fai pequenas concesións para resultar máis económico, como conformarse cun procesador Qualcomm Snapdragon 695, cámara principal de 48 Mpíxeles e carga rápida de 33 watts; cambios que permiten que o modelo con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento custe de lanzamento 249,99 euros, e 299,99 euros con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento.
Resulta curioso que haxa un solapamento de prezos entre ambos modelos, de xeito que os usuarios poden escoller se priorizar potencia e cámara ou memoria e almacenamento, en función dos usos que vaia facer do smartphone.

PUBLICIDADE