Culturmar: 30 anos de apoio á cultura marítima e fluvial

8 minutos de lectura

Neste ano 2023 fan 30 dende o comezo da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, coñecida como Culturmar. A súa orixe remóntase a 1993, ao redor dunha xuntanza de embarcacións tradicionais que tivo lugar en Ribeira. Dende entón mantivéronse tanto as xuntanzas ou encontros deste tipo, como unha serie de obxectivos que defenden o Patrimonio Marítimo de Galicia.

Que é Culturmar.

É unha asociación caracterizada por manterse a través dunha rede de voluntariado que ten como obxectivo divulgar, defender e dinamizar o Patrimonio Marítimo e Fluvial de Galicia, poñendo especial foco e interese nas embarcacións tradicionais que o conforman, así como as persoas que traballan nelas.

Dende a súa orixe levan a cabo diversas accións, entre as que se atopan:

  • A recuperación de embarcacións e tipoloxías tradicionais. Entre estas embarcacións atópanse, por exemplo, as dornas, das que xa falamos en entradas anteriores. Con este obxectivo colaboran con varias asociacións para manter, refacer e volver a por en uso as nosas embarcacións.
  • Realización de investigacións no eido patrimonial costeiro e marítimo para así poder divulgar parte da historia e cultura do noso mar, enriquecendo os coñecementos xa existentes e dando luz a aquelo que parecía esquecido.
  • Posta en valor das capacidades das embarcacións tradicionais mediante regatas, exhibicións e xuntanzas. Participan organizando o tradicional Encontro de Embarcacións e tamén colaborando coas outras asociacións e entidades mediante apoio económico, material, etc.
  • Difusión do patrimonio marítimo e fluvial galego, dando voz a súa riqueza e visibilizándoo a través de tódolos medios dispoñibles.
  • Fomentar a reunión e o traballo colaborativo entre as asociacións de distintas vilas e lugares, chegando a por en contacto grupos de distintos países que teñen obxectivos comúns.

Así, Culturmar agrupa máis de corenta colectivos, que inclúen diversos tipos de asociacións repartidas por toda Galicia e, incluso, Portugal. Entre estes grupos atopamos asociacións de dornas e outras embarcacións, asociacións culturais, fundacións, clubs náuticos e mariños, etc.

Con todas estas colaboracións, e a importancia que ten a comunicación entre distintas zonas e ámbitos, destaca a importancia que ten a base da federación, que é o traballo voluntario de aqueles que as compoñen. Sendo así o voluntariado a base de funcionamento da federación.

De maneira paralela, é moi importante a interacción entre diferentes territorios e culturas, non exclusivamente dentro da Península, para manter o patrimonio marítimo e poñelo en valor de forma conxunta. Neste aspecto, é destacable a comunicación entre Culturmar e outros países europeos como Francia, Portugal ou Irlanda.

O Encontro de Embarcacións Tradicionais

Dúas cuestións nas que destaca a acción e participación de Culturmar son o Encontro de Embarcacións Tradicionais, do que falaremos en próximas entradas, e no proxecto europeo DORNA (Desenvolvemento Organizado e Sostible de Recursos no Noroeste Atlántico).

Este proxecto trata de recuperar e revalorizar os recursos mariños do Espacio Atlántico, centrándose no desenvolvemento de embarcacións tradicionais. A súa perspectiva é global, buscando que sexa sostible economicamente, respectando a diversidade cultural dos distintos territorios do litoral atlántico.

O Encontro reúne unha gran cantidade de asociacións con motivacións semellantes, onde o importante é visibilizar e compartir o gusto e interese polo mar e o seu patrimonio. A súa importancia e impacto levou a que os representantes da cultura marítima e fluvial galega fosen invitados a outros encontros de embarcacións tradicionais de fora de Galicia. Este Encontro, que ten lugar cada dous anos, inclúe varios días de actividades diversas que xiran ao redor do mar, da concienciación da importancia que a súa cultura e patrimonio teñen para Galicia e da recuperación e concienciación do mesmo.

Impacto político e social.

No 2009 Culturmar foi invitada a formar parte de asociación internacional European Maritime Heritage (EMH), que asesora ás autoridades da Unión Europea en cuestións relacionadas coa cultura e patrimonio marítimos. Así, pasou a ser o primeiro representante español pertencente ao EMH.

A Consellería do Mar colabora habitualmente con Culturmar, con aportacións económicas que permiten realizar as actividades e Encontros. Ademais, o contacto entre a Xunta de Galicia e Culturmar permite desenvolver accións de protección do patrimonio marítimo e fluvial, con proxectos en pro da cultura marítima.

No 2022 Culturmar participou en conferencias sobre a nova lexislación española sobre embarcacións tradicionais xunto coa EMH. Desta forma promoveu a divulgación desta lexislación entre propietarios e tripulantes destas embarcacións.

A colaboración e apoio entre Culturmar e outras asociacións, xeralmente constituíntes da propia federación, tivo interese e impacto político e dos medios en diversas situacións. Dous exemplos disto foi a polémica sobre o Museo do Mar de Noia, en 2018, e a necesidade dun peirao para embarcacións tradicionais en diversos portos de Galicia, como o pedido pola Asociación de Amigos da Dorna de Portonovo.

Publicacións.

Nalgún dos primeiros Encontros editaron unha revista que contiña artigos sobre temática mariñeira, especialmente propios da vila que acollera ese ano o Encontro, así como outros artigos de temática interna e propia da Federación.

Esta primeira revista foi substituída co tempo pola publicación chamada Ardentía, cuxo título inicial completo foi “Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial”.

Esta revista mantén o espírito da publicación orixinal, xa que se edita xeralmente cada dous anos, xunto coa realización do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, publicando información sobre a vila que o acolle. Ademais, ten como obxectivo publicar traballos de calidade e gran interese, sempre relacionados coa actualidade.

Dende o 2017 Emilio Xosé Ínsua é o coordinador da revista e neste mesmo ano pasa a denominarse Nova Ardentía.

Outra publicación editada pola Federación era o Apupo, neste caso un boletín gratuíto no que se recollen as novidades e actividades de Culturmar e dos seus colectivos membros. Este boletín deixou de publicarse en 2009, no número 17 debido ao maior uso e desenvolvemento da páxina web da Federación. Así, esta plataforma pasa a transmitir as principais novidades, anuncios, artigos…

Existen, ademais, outras publicacións editadas por Culturmar, neste caso son cuestións puntuais que sempre manteñen o contido vinculado ao patrimonio marítimo e fluvial. Sen esquecerse, tamén, das publicacións que levan a cabo outros colectivos que conforman a Federación, como por exemplo a revista Relinga (Lajareu por Barlovento).

Culturmar homenaxea a un membro ilustre

En 2020 Culturmar editou un libro para honrar a figura de Luís Rei, home de mar nacido en O Grove en 1960, que dende os inicios da asociación formou parte da mesma, reivindicando e divulgando a cultura dos mares e ríos galegos e remarcando a importancia das persoas que vivían dos mesmos.

O libro titulado “Farol perpetuo na néboa. Luís Rei e a cultura marítima” foi editado por Emilio Xosé Ínsua e Francisco Fernández Rei, ambos membros activos de Culturmar. Divídese en catro partes que van dende traballos e textos de Luís Rei, publicacións da súa autoría en xornais e suplementos (Máis Cambados), entrevistas ao longo da súa vida, que engloban temas como política ou investigación, ata apéndices con arquivos fotográficos da vida do protagonista.

Luís Rei foi bibliotecario e técnico cultural en Cambados, cuxa Biblioteca leva hoxe o seu nome. Consagrou parte da súa vida a estudar a Ramón Cabanillas, así como a defender e divulgar a importancia das persoas que viven do mar e dos ríos en Galicia, tanto como a importancia do patrimonio asociado aos mesmos. Foi tamén unha figura política, concelleiro do BNG en O Grove e fundador e primeiro presidente do Colectivo Ecoloxista do Salnés. Participou na fundación de Culturmar en 1993 e nos diversos Encontros de Embarcacións Tradicionais, ademais de ser director da Revista Ardentía.

Os aniversarios.

Fai cinco anos celebrouse en Santiago de Compostela o 25 aniversario desta asociación. Incluíu unha mostra de 20 embarcacións tradicionais de asociacións membros de Culturmar, así como unha exposición nomeada “Fasquías de outrora, singraduras de futuro”. Tamén acolleu outras actividades, nas que participaron o Concello e diversos colexios, centradas na educación dos nenos e nenas na cultura marítima e fluvial, na súa importancia e na súa historia. Xunto con todo isto realizouse tamén un acto conmemorativo que tivo participantes de diversos ámbitos, dende culturais coma Lucas Suárez de Centi, ate políticos, como membros de distintas deputacións de Galicia.

Neste ano, en que fan trinta dende o comezo da andadura da Federación, prestaremos especial atención ao próximo Encontro. Pero iso será mais adiante, noutra entrada deste blog.

Se queredes saber máis sobre a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial podes visitar a súa web na seguinte ligazón: https://culturmar.org/culturmar/