Vincha ou bandullo de Entroido

A festa que máis me presta é o Entroido. Comezando polo cocido e as filloas e rematando con toda esa morea de lambetadas, que son tantas e tan variadas. E sen ningunha dúbida, tamén podo engadir que están todas boísimas. Aquí neste blogue xa levamos unhas poucas, filloas sen ovos nin leite, orellas, periquitos, chaolas, bicas… Temos de todo. Mais sempre había unha receita que nunca daba feito. E que me poñía triste pensar en que nunca a podería facer ou probar: a vincha ou bandullo de Entroido. 

Esta lambetada, de nomes, seica ten moitos dependendo da zona. Hai quen a chama vincha, bandullo, deventre, neno (tamén por Asturias), calleiro, enchido, tripón… E de seguro que moitos máis. 

vincha

A vincha é unha lambetada tipo púdin, feita con pan e ovos, que ten a particularidade de facerse dentro da vincha do porco. O proceso non é sinxelo, ou, polo menos, non é rápido. Conseguir unha vincha se non se fai a mata do porco na casa, non é cousa doada. Mais se temos sorte e a conseguimos, hai que lavala ben, inflala (normalmente cun canudiño) e deixala afumar durante un tempo. Enténdese que quedarían así desde San Martiño ata o Antroido. Así quedará seca e duriña (curada). Despois haberá que lavala ben de novo, deixala amolecer en auga quente, darlle a volta a xa a teriamos preparada para encher.

vincha

Os ingredientes do recheo son ben sinxelos. Pan duro, ovos, leite, azucre e manteca de vaca sería o básico. Despois hai quen lle bota anís, limón, noces ou outros froitos secos, uvas pasas. Iso xa a gusto de cada un, ou do que teñades pola casa. Hai que cocela durante unhas 2 horas. E coa axuda dun pau deixarémola colgada para que non tropece a vincha no fondo da pota, pois podería romper. Agora vos poño os ingredientes e imos vendo como facela pouco a pouco. Hai quen a fai nunha bolsa de plástico, a falta da vexiga, mais disque o sabor non é o mesmo.

Ingredientes

  • 250 gramos de pan duro

  • 3 vasos de leite

  • 175 gramos de manteca de vaca

  • 6 ovos

  • 6 culleradas de azucre

  • unha presa de uvas pasas

  • 1 chorro de anís

  • 1 limón relado

  • 1 vincha

  • fío, agulla e un pau

Preparación

  • O día anterior ou unhas horas antes, dependendo do duro que estea o pan, poñemos o pan esmigallado xunto co leite para que vaia amolecendo.
  • Cando xa estea preparado, botamos os ovos e mesturámolos co azucre. Unha cullerada de azucre por cada ovo.
  • Despois engadimos o pan. Eu escorrino un pouco para que non levara tanto leite e quedara un chisco máis espeso.
  • Derretemos a manteca e engadímola. E botamos tamén un chorriño de anís e un limón relado.
  • Cubrimos as pasas de fariña para que non vaian para o fondo e engadímolas. Tamén podemos botarlle os froitos secos que queiramos.
  • Mesturamos todo moi ben e collemos a vincha, que xa estará ben amolecida e lista para rechear. Con coidado de baleirala ben e que non nos quede con auga por dentro.vincha
  • Enchemos a vincha ata que estea máis ou menos pola metade ou un pouquiño máis. Tede en conta que o recheo subirá e se a enchemos moito, podería rebentar. É difícil calcular a cantidade de recheo para cada vincha, pois depende do seu tamaño. Mais se voa sobra, podedes poñer  a mestura nun molde en enfornar. Quedarávos un pudin marabilloso.vincha
  • Agora toca coser. Cun fío e unha agulla imos cosendo a vincha ata que quede ben pechadiña. Ide con tino de que non vos escape o recheo polo outro lado mentres esteades a coser.vinchavincha
  • Cando estea toda cosida, e co mesmo fío, facémoslle unha asa para poder colgala do pau.vincha
  • Poñemos auga a ferver e cando xa estea fervendo, botamos a vincha rechea. Moito ollo! En canto se bota na aigau, xa infla. Hai que estar coa agulla preparada para comezar a picar nela ou corremos o risco de que remate rebentando. Irá saíndo algo de manteiga e ovo, mais é normal. (Marabilla o pau do limpacristais!)vincha
  • Deixamos que ferva durante unhas 2 horas. Cómpre ir picando a vincha de cando en vez mentres coce. É posíbel que teñamos que ir engadindo máis auga. Eu puxen un caciño con auga a ferver e cando fervía, botáballo cando xa ía vendo que faltaba algo de auga.vincha
  • Despois das 2 horas, sacamos a vincha do pau e da pota e deixámola arrefriar. Cando estea fría, é mellor deixala na neveira ata o día seguinte. Será máis sinxela de cortar cando estea fría.vincha
  • Cando xa estea preparada, só temos que sacar a vincha exterior e xa temos a lambetada a punto para ser degustada.vincha
  • O habitual é cortala en rodelas coma se fose embutido.vincha

Se vos gusta o pudin ou o flan, de seguro que vos ha gustar esta lambetada. Sabe mellor se a deixades atemperar un chisco despois de sacala da neveira. A min gustoume moito o seu sabor. É suave, co sabedeiro toque do anís e do limón. As pasas tamén lle quedan moi ben. E xa me comentaron que as noces tamén lle prestan.

É un proceso longo mais o resultado é moi especial e paga ben a pena cada un dos seus pasos. É unha receita que non se adoita preparar moito, mais eu diríavos que, se podedes, non deixedes de preparala e probala. Non é moi doce, polo que un acompañamento de caramelo ou chocolate, penso que lle pode quedar moi ben. Con todo isto, só me gustaría dicirvos que estou moi contenta de ter tido a posibilidade de preparar esta vincha de Entroido e, sobre todo, de poder desfrutala. 

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.