fbpx
CompostelaCulturaEntrevistasNovas

Eloy Domínguez e Samuel Moreno, directores de ‘Al otro lado del mar’: “Esta é unha película na que nos expoñemos moito”

Eloy Domínguez e Samuel Moreno.

Catro son as obras que optan ao Premio ao Mellor Filme Galego na 18ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) que se celebra ata o 21 de marzo en Compostela. Unha delas é ‘Al otro lado del mar’, unha coprodución galego-colombiana dirixida por Eloy Domínguez Serén e Samuel Moreno Álvarez que se proxectou onte no Teatro Principal cun pase ao que asistiron os dous autores.

Tan só unhas horas antes puiden conversar con Eloy e Samuel desta longametraxe documental filmada de maneira espontánea a catro mans e estruturada en seis cartas e un epílogo. Unha película que se distribuirá en salas de cine en Colombia no mes de xuño e que se presentou por primeira vez no Festival Internacional de Cine de Xixón. Para a estrea en Galicia escolleron a MICE, un evento ao que Domínguez acudiu xa noutras ocasións “e onde sempre me trataron de xeito excepcional. Admiro o seu traballo e toda a actividade do Museo do Pobo Galego”.

Estes dous amigos coñecéronse nun festival de cine en Bos Aires (Arxentina) e axiña conectaron. “Eu estaba montando unha película que se chama ‘¿Qué hay detrás de la lechuza muerta?’, que está na liña de correspondencia, pero sen ir dirixida a ninguén. Mandeilla a Eloy para ter a súa opinión. A el gustoulle e propúxome iniciar estas cartas filmadas entre nós”, conta Samuel. “El quería volver a rodar desta maneira fóra dos esquemas de produción, dos fondos, de conseguir cartos… queríamos ser máis libres”, engade.

Comezaron así tres anos nos que, sen ningún tipo de parámetros pechados, compartían aspectos das súas vidas e traballos en Galicia e Colombia. “El mandaba unha carta e eu pensaba: na miña teño que estar á altura! En cada unha trataba de ir un pouco máis aló, e tocar outro aspecto…”, confesa Moreno. Algo moi similar ocorríalle ao galego: “Despois de cada carta sentíame un privilexiado por ter acceso a esa intimidade de Samuel, entón tiña que devolverlle a mesma sinceridade e xenerosidade”. Eloy estaba nese tempo traballando en proxectos que requirían moita espera, financiación… e, grazas a este proxecto, recuperou a paixón por filmar. “Recordo sentirme realmente nervioso neses minutos nos que se estaba descargando a súa carta, que nos enviabamos por wetransfer. Lembro a excitación como cando de neno esperas os regalos de Nadal”, confesa.

Eloy e Samuel presentaron a súa película na MICE.

Familias

Aínda que non queren que ‘Al otro lado del mar’ se clasifique como unha película de pandemia, si que os brutais cambios que carreou a covid-19 están presentes na súa correspondencia. “Eu mandei a primeira carta en decembro no 2019 -conta Eloy- Samuel, en abril de 2020 e eu recoñecinme en todo o que estaba contando. Había moitas cousas que nós estabamos reproducindo exactamente igual a miles de quilómetros. Eu pasei ese tempo na casa dos meus pais dunha zona do rural do Salnés e, dalgún xeito, foi positivo porque volvemos a coñecernos, pero sendo eu adulto. Sen dúbida, a nosa relación cambiou moito. Antes non era mala, pero agora é moito mellor. Pasamos moito máis tempo xuntos”. Un pai e unha nai que viron por primeira vez a película do seu fillo onte no pase que realizou a MICE no Teatro Principal. “Querían que a visen en pantalla grande”, sinala.

Sobre a relación coa súa familia tamén fala Samuel nas súas cartas filmadas. “Esta é unha película na que nos expoñemos moito. Expoñernos no sentido de encontrarse a un mesmo. A min serviume para traballar nun montón de acontecementos tráxicos que tiven na miña infancia. Foi como empezar a entender todo o que sinto. Por exemplo, na relación coa miña mamá que non é a mellor, cos meus avós… Non é que sexa mala ou non os queira, pero son relacións complexas. E con este proxecto tiven a oportunidade de sandalo con eles”.

E cando rematar de enviar cartas e, por tanto, o filme? Eloy e Samuel atoparon a maneira de pechalo pasados tres anos: “En certo momento os dous sentimos que estabamos iniciando un capítulo novo nas nosas vidas, moi relacionado co concepto de fogar, e aí soubemos que as nosas pezas dialogaban de xeito que podían pechar a película. Dalgunha maneira, remata iniciando algo novo”. 

Nos vindeiros meses, os dous amigos e directores teñen por diante interesantes proxectos. Samuel Moreno espera estrear pronto ‘Rodaje’ e ‘Sol de invierno’. Ademais, é o produtor da película colombiana ‘Positivo Negativo’, que está en fase de posprodución. Eloy anda inmerso na que será a súa primeira longametraxe de ficción que rodará o ano que vén na provincia de Ourense.

Quizais continúen coas súas carreiras co premio MICE ao Mellor Filme Galego baixo o brazo. Saberémolo este domingo cando se entreguen os galardóns nunha gala que se celebrará ás 12.30 h no Museo do Pobo Galego conducida polo actor e músico Sergio Llauger. Un evento no que tamén coñeceremos o premio MICE ao Mellor Filme Internacional; o Premio AGANTRO á excelencia antropolóxica; o Premio CREA, que outorga a Asociación Galega de Profesionais da Realización e a Dirección; e o Premio do Público. Estes días queda moito cine etnográfico co que gozar na MICE, ademais doutras actividades, que podedes consultar na súa web mice.museodopobo.gal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.