fbpx
GaliciaGastronomíaNovas

‘Queixo’, de ArteSana Gastrobar, e ‘Bonito, morrón, cebola e paixón’, do restaurante Paprica, gañadoras da Gala Showcooking de tapas por Galicia

Foto: Turismo de Galicia

O San Francisco Hotel Monumento acolleu onte a edición número VII da Gala Showcooking de tapas por Galicia, onde o xurado profesional escolleu a Álvaro Villasante do Paprica de Lugo coa tapa “Bonito, morrón, cebola e paixón” como mellor cociñeiro de tapas de Galicia. O outro gañador foi Álvaro Pérez de ArteSana Gastrobar situado en Santiago de Compostela, que se fixo co premio do público grazas á tapa “Queixo”.

A disputa estivo entre sete petiscos, sete cociñeiros e sete cidades: Sheila Martínez do restaurante Roots (A Coruña) con “Gyoza de chocos na súa tinta”; Álex M. Bacelo e Mar Lago do Bacelo (Ferrol) con “bocado de aldea”; Beatriz Alcalá de La Zapatería del Abuelo (Ourense) con “CANTA Castaña”; Ana Vilar da Cervexaría Leria (Vigo) con “Xema na Fraga”; Rubén González de El Cafetín de la Alameda (Pontevedra) con “Vacalao Do cru ao cocinao”; Álvaro Villasante do Paprica (Lugo) con “Bonito, morrón, cebola e paixón” e Álvaro Pérez de ArteSana Gastrobar (Santiago de Compostela) con “Queixo”. Cada chef dispuxo dun máximo de 7 minutos para rematar a súa tapa no escenario.

Esta gala concibiuse como un evento de cociña en directo que serve de colofón final para os diferentes concursos de tapas postos en marcha nos últimos meses na Comunidade galega e nos que a Administración autonómica pon en valor o alto potencial do turismo urbano e enogastronómico á hora de configurar unha oferta turística de calidade.

De tapas por Galicia enmárcase no obxectivo da Xunta por difundir e enogastronomía da nosa Comunidade así como a calidade e a posta en valor do traballo levado a cabo polos cociñeiros galegos como elemento de promoción do turismo urbano. Ten en conta tamén o feito de que os visitantes buscan de maneira habitual o achegamento á cultura galega a través da enogastronomía, onde a cociña en pequeno formato é unha opción cada vez máis valorada en calquera época do ano permitindo así tamén profundar no compromiso da desestacionalización.

Neste senso, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puxo en valor esta actividade como complemento a estratexia levada a cabo dentro do Plan Territorial de Enogastronomía que se desenvolverá en Galicia no horizonte 2023-2025 e cuxa finalidade engloba actuacións nas 4 provincias buscando así a promoción da nosa Comunidade como destino enogastronómico de primeiro nivel, poñendo en marcha actuacións transformadoras en diferentes áreas do territorio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.