Microsoft cre que 10 anos é tempo dabondo para desenvolver unha alternativa a Call of Duty

martes, 21 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Nun momento no que parece que van desaparecendo os atrancos para a compra de Activision Blizzard en EE.UU. e Europa, o principal territorio no que a adquisición está en dúbida é Reino Unido, onde eran bastante receptivos ás protestas de Sony, compañía que aseguraba que o dominio de Microsoft sobre a franquía de Call of Duty provocaría un dano irreparable para a competencia.
Agora coñécese a resposta de Microsoft ás acusacións de Sony, deixando en bastante mala situación os argumentos da compañía nipoa. Lembremos que Microsoft comprometeuse a lanzar as distintas entregas de Call of Duty para consolas de Nintendo e incluso para plataformas de streaming da competencia durante un período de 10 anos, salientando que este mesmo acordo tamén podería aplicarse a consolas PlayStation.
Lembremos que un período de 10 anos non só chegaría até a vindeira xeración de consolas (que aínda non sabemos cando chegará), e Microsoft non só pensa que o prazo é xeneroso, senón que tamén argumenta que se Sony considera que non podería ter unha PlayStation sen dita franquía, 10 anos é prazo máis que suficiente para desenvolver alternativas a Call of Duty.
Cómpre salientar que Microsoft tampouco ten ningunha intención de facer que Call of Duty pase a ser unha franquía exclusiva das súas máquinas, especialmente se as consolas de PlayStation manteñen unha cota de mercado semellante á actual, pois non tería moito sentido deixar de lado á meirande parte de xogadores (provocando unha caída de ingresos xigantesca), e tampouco podemos esquecer que Minecraft pertence actualmente a Microsoft e está dispoñible en cantas máis plataformas mellor. En contraste, Sony e a compañía que conta con máis grandes franquías en exclusiva, e incluso a que paga a máis estudios para que os seus xogos non vexan a luz en consolas de Microsoft, polo que resulta bastante demagóxico que Sony estea a denunciar a Microsoft ante o temor de que replique as súas prácticas.
As autoridades británicas deben das a coñecer a súa decisión sobre a adquisición de Activision Blizzard até o 26 de abril.

PUBLICIDADE