O Oppo Find X6 Pro quere converterse nun referente a nivel fotográfico

martes, 21 de marzo do 2023 Marcus Fernández

O fabricante chinés Oppo quere converterse no referente en fotografía móbil, e tirando da súa colaboración con Hasselblad presenta o seu novo Oppo Find X6 Pro, un impresionante smartphone que funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 2 apoiado por unha NPU MariSilicon X, que venderase en versión con 12/16 GB de RAM e 256/512 GB de almacenamento a un prezo que estaría entre os 5.999 e os 6.999 iuans (809 e 944 euros respectivamente), deixando claro que estamos ante un dispositivo de gama alta, que por especificacións sería do mellor que podemos atopar entre os teléfonos con Android.
Este smartphone terá unha pantalla de 6,82 polgadas con resolución QuadHD+ cun brillo pico de 2.500 nits e unha batería de 5.000 mAh con carga rápida de 100 watts por cable e 50 watts sen fíos; aínda que o seu punto forte é a cámara, que está equipada cun sensor de 1 polgada e 50 Mpíxeles, o Sony IMX989, que é o mesmo que empregan nas cámaras compactas Sony RX100, polo que ten un tamaño superior ao que estamos afeitos nun móbil. Tamén ten outros dous sensores de 50 Mpíxeles máis cativos: un para fotografías macro e ultra grande angular, e outro para o seu zoom óptico de 3x. Tanto o sensor principal como o teleobxectivo contan con estabilizador óptico de imaxe, e aseguran que é capaz de comportase como se tivese un zoom óptico de 6x, mentres que en dixital podería chegar até 120x.
Pouca pega pode pórse a este teléfono, que tamén inclúe sensor de impresións dixitais en pantalla, Wi-Fi 7, Bluetooth 5.3, NFC, USB-C e protección IP68, ou sexa, que sería un móbil de alta gama con todas as letras, e non o típico móbil chinés que quere entrar nesta categoría obviando detalles como a carga sen fíos ou a resistencia á auga.

O móbil conta con protección IP68
O Oppo Find X6 Pro poderase mercar en 3 cores diferentes

PUBLICIDADE