O Samsung Galaxy M54 terá unha batería de 6.000 mAh

xoves, 23 de marzo do 2023 Marcus Fernández

A familia Galaxy M de Samsung caracterizouse historicamente por contar con móbiles de gama media con grandes baterías, e o seu novo integrante, que xa comeza a aparecer nalgúns mercados, confirma a tendencia, xa que o Samsung Galaxy M54 presenta unha impresionante batería de 6.000 mAh (con carga rápida de 25 watts), o que debería ser dabondo para aguantar un par de días completos.
Este smartphone funciona cun procesador Exynos 1380, 6/8 GB de RAM, 128/256 GB de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas de até 1 TB de capacidade, pantalla Super AMOLED Plus Full HD+ de 6,7 polgadas cunha velocidade de refresco de 120 Hz, Wi-Fi 6, Bluetooth 5.3, lector de impresións dixitais, NFC e, pese a ser un móbil de gama media, unha configuración de cámara que resulta un tanto rechamante, xa que a súa cámara traseira tripla ten un sensor principal de 108 Mpíxeles con estabilización óptica, mentres que a cámara frontal é de 32 Mpíxeles.
Polo momento non sabemos cando chegará ao noso mercado e o seu prezo, aínda que podemos contar con que vaia venderse a preto de 500 euros, seguindo a liña do Galaxy M53 (que chegou ao mercado a un prezo de 519 euros, pero actualmente pode atoparse por menos de 400 euros).

Unha batería de 6.000 mAh e unha cámara traseira principal de 108 Mpíxeles son os grandes reclamos do Samsung Galaxy M54

PUBLICIDADE