“Calquera persoa que coñecías alí tiña algún tipo de relación coa emigración, sempre estaba presente nas conversas”. Entrevista a Sara Traba

Sara Traba é unha cineasta galega creadora de curtas documentais como As vacas de Wisconsin, premiada en diferentes festivais como o Festival Ibérico ou o de Sitges. Nesta ocasión presentou na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) o seu traballo A festa do emigrante (2022) e conversamos con ela sobre a súa formación, a transdisciplinariedade dos seus proxectos e a demanda de circuitos de cinema no país.

Como é a ollada de directora e historiadora da Arte ao mesmo tempo á hora de levar a cabo un proxecto audiovisual?

Isto para min é como moi emocionante, unir estes dous aspectos da miña vida e formación, do que máis me gusta e concentralos nun traballo. Un traballo que afonda non só en aspectos cinematográficos e da Historia da Arte, senón que para min tamén foi unha investigación. Estar alí e ir pouco a pouco descubrindo cousas deste espazo, destas persoas… Un pouco o que fixeron as arqueólogas e arqueólogos de desenterrar historias pero a través da fala coa comunidade. Poder xuntar estes dous aspectos da miña vida é moi gratificante, moi chulo… Ás veces hai patrimonios que sabemos que están aí e non se chegan a transmitir tanto pero son básicos para entender os outros.

Seguindo co tema da túa fomación, vimos que estiveches na Habana, Barcelona, Perugia… Estas outras realidades xunto coas locais como casan á hora de levar un proxecto profesional e persoal?

Eu penso que a carreira que fixen se presta moito a que sexa a raíz do contacto con outras culturas e persoas. É moi enriquecedor, non só a nivel de Historia da Arte e cinema senón que axuda a entender moitas cousas e entendelas entre si. Ostras, isto que aprendín aquí relaciónase moito co da outra parte e a priori parecían cousas totalmente alleas. O feito de que a miña formación fose en diferentes lugares é moi enriquecedor.

E cando estabas nestes sitios xa tiñas idea de que o teu camiño ía direccionar cara ao cinema?

Sempre me gustou moito. Xa na Historia da Arte tireime polas ramas do cinema, linguaxe cinematográfico… Sempre me interesara. Outros aspectos tamén, pero si que me gustaba formar parte deste proceso creativo e atopei algo que me satisfacía. Á parte do coñecemento dun lugar e un coñecemento propio cando estás nun sitio tan lonxe atopas moitas experiencias novas que fan tamén coñecerte a ti mesma. No meu caso axudáronme a crecer e entender: ter a oportunidade nos anos de carreira de estar fóra é fundamental.

A festa do emigrante forma parte dun proxecto máis extenso con investigadoras de diferentes campos como a Arqueoloxía. Como é traballar neste contexto multidisciplinar?

Pois como moitos procesos, ten moito de aprendizaxe. Entendes como traballan noutros campos, adáptaste no bo sentido nos seus tempos e nos seus espazos, no que neste caso Rebeca quería transmitir co documental… Formas parte dunha investigaicón, que é algo moi emocionante. E máis sendo un proceso tan longo, xa que a idea inicial era comezar a rodar en marzo de 2020, imaxínate… Por desgraza foi así e dilatouse moito no tempo, pero tamén iso permitiu que o proceso na miña experiencia fose moito máis inmersivo porque ao final coñeces a moitas persoas, vas un día, vas outro e iso é o bonito. Manter esta conversa entre a Arqueoloxía, entre o concepto que eu tiña en mente facer e que logo mudou moito co tema da pandemia. Un proceso de coñecemento tanto de persoas como de espazos e outros campos de investigación moi proveitoso.

Podes ver o teaser d’A festa do emigrante (2022) na seguinte ligazón: https://vimeo.com/471421643.

Como foi protagonizar uns feitos tan próximos á sociedade galega (a emigración, a festividade, os ritos…) e á portuguesa? Queda aínda  moito por explorar dende esta ollada plural?

Ao final é o que comentaba antes. Atopas puntos en común universais en todas partes, e máis en Portugal, que ao final é cruzar o Miño e xa estabamos alí. Hai moitísimos puntos en común. O que dis da emigración estivo moi presente porque estás falando de sociedades que van dun sitio a outro, que como ben di no docu un dos arqueólogos deixan a súa pegada en distintos lugares e tiña moito sentido ter este tema moi presente. Ao final A festa do emigrante é unha festa que fan todos os anos todos os que marcharon. Calquera persoa que coñecías alí tiña algún tipo de relación coa emigración e sempre nas conversas aparecía ese tema. Ao final volven e “facemos unha festa porque hai tempo que non nos vemos e queremos xuntarnos alí, na casa”.

E que tal foi a aceptación da xente na gravación?

Iso é moi bonito, foi moi ben. Que a xente reciba con ilusión, que sexan tan amables e que dalgún xeito dean máis do que ti esperas ou podes corresponder. Como foi un proceso longo creas uns vínculos. Nelson, que é unha das persoas que máis sae no documental: ver a súa reacción ou como a xente acolle a película, ás veces iso é case máis… É importantísimo para as persoas que estiveron neste proceso. É unha pasada, xa que ti chegas cunhas preguntas en mente do que pode ser máis interesante pero realmente hai outras cousas que non sabías que estaban aí e de repente vas descubrindo, porque a xente de xeito moi xeneroso conta moitas historias. Iso impresiona, formar parte dese proceso é moi guai.

Ves que existe unha demanda por parte da socieade por crear e ampliar os circuitos de cinema galegos e internacionais?

Na presentación de onte estaba cheo, unha imaxe vale máis que mil palabras, e ver o Teatro principal cheo na presentación do festival di moito. Presentamos en Portugal e foi moi curioso, porque foi o domingo pola mañá despois da misa! Son estas cousas que son interesantes. Despois tamén o proxectamos en Arcos de Valdevez e en Santiago no Paraninfo da Facultade de Historia. A aceptación foi moi boa e o interese por máis actividades deste tipo en diferentes contextos é moi visible.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade