luns, 17 de abril de 2023

Bombóns de framboesa

 Bo día, bolboreteirxs! Que tal estades? Menudo día solleiro nos encontramos hoxe. Canto apetecía! Por aquí xa nos imos dispor a probar a praia, aínda que sexa polo menos para xogar. 

Pero antes diso deixámosvos por aquí unha última lambetada que creamos para unha cea cuns amigos especiais. Queriamos algo doce mais ao mesmo tempo fresco agora que se aproximan xa datas de máis calor. Esperemos que xa vos entren polos ollos pero de todas formas, a verdadeiro sensación pracenteira virá co primeiro bocado. Adiante con estes bombóns diferentes!


Bombóns de framboesa


Ingredientes:

  • Bombóns
  • Iogur ao gusto   
  • Chocolate con leite/negro 
Para decorar (opcional):
  • Chocolate branco
  • Purpurina comestíbel 
  • Froitos secos picadiños

Utensilios: dúas ou tres cuncas pequenas, un garfo e unha espátula (ou culler) e papel vexetal. Tamén un tupper para o conxelador.



Elaboración:

Para comezarmos, temos de lavar e secar moi ben as framboesas. Batemos moi ben o iogur e sumerximos as framboesas nel. 



Colocámolas nun tupper cuberto con papel vexetal e conxelamos 1-2 horas. 


De seguir, derretemos o chocolate e bañamos as framboesas. Podedes escoller o chocolate que máis vos guste, desta volta, escollemos o chocolate con leite. 


Refrixeramos un momento para que endureza o chocolate.


Por último, derretemos un pouco de chocolate branco (para que faga contraste) e facemos unhas liñas sobre os bombóns coa axuda dunha culler e podemos empoar con purpurina ou cos froitos secos.


Deixamos no frigorífico 30 minutos e xa estarían listos para comer! 


Agardamos que vos guste e que poñades esta receita en práctica.


Son uns bombóns absolutamente deliciosos e, como vedes, moi fáciles de facer. E se os facedes con chocolate negro son moi saudábeis. Ademais, son moi vistosos e cando damos un bocado atopamos o chocolate crocante coa deliciosa framboesa que se desfai na boca. Que vos parecen a vós? Contádenos! Aperta, bolboreteirxs! 


Ningún comentario:

Publicar un comentario