Chegamos á decena: presentamos a Mazarelos 10!

Chegou a dobre cifra a Mazarelos. Un número 10 con novos contidos e enfoques para reflexionar sobre a nosa realidade máis próxima. Coma é habitual, unha ilustración ocupa a capa da revista. Nesta ocasión o laranxa e o verde son as cores protagonistas grazas a unha fantástica lámina da artista galega Sarai Lorenzo Broullón.

Os dous primeiros artigos están relacionados co patrimonio. Sara Fraga Pérez achéganos ao patrimonio inmaterial a través dunha conceptualización teórica do concepto e de exemplos prácticos dalgúns proxectos nos que participou na comarca das Mariñas. Pola súa banda, Alba Rivas Regal e Jorge Viz González analizan e contextualizan o Monumento de Manuel Pailós, artista galego emigrado en Uruguai desde novo. A dita escultura atópase no campus norte da Universidade de Santiago de Compostela.

Seguen dous artigos de historia. O primeiro, asinado por Marco Antonio Álvarez Sánchez, analiza o termo de liberdade desde a antigüidade clásica até a contemporaneidade. Deseguido, Diego García Couso presenta un estudo de caso realizado no CPI Virxe do Monte (Cospeito) co alumnado de 4º de ESO sobre a súa representación dos fascismos.

A entrevista deste número está protagonizada por dúas persoas que se moven no mundo do fotoxornalismo: Charo Lopes e Brais Lorenzo. Estudaron na Escola de Arte Superior e Deseño Antonio Faílde de Ourense, aínda que en cursos diferentes, e desde aí comezaron a traballar desde espazos e ópticas distintas. Isto é o que precisamente fixo que a súa conversa fose moi distentida e moi entretida, a cal xirou sobre a cultura da inmediatez, a intelixencia artificial, as condicións laborais do sector e os espazos colaborativos, entre outros asuntos. 

Pecha o décimo número Daniel García Fernández, presidente da Agrupación Instrutiva de Caamouco (Ares). No seu texto fai un repaso histórico da centenaria Agrupación e achéganos ao seu papel na actualidade, onde constata a enorme pegada que ten na comunidade.

Faite con ela na nosa tenda en liña

Editorial

Na procura do Patrimonio Inmaterial: identidade e creación colectiva – Sara Fraga Pérez
A historiadora e xestora cultural explícanos a importancia do patrimonio inmaterial a través das experiencias coas que colaborou na comarca das Mariñas. Como o podemos tratar e que podemos achegar desde os nosos días?

O monumento de Manuel Pailós no espazo público compostelán – Jorge Viz González e Alba Rivas Regal
Coñecemos o Monumento que este artista, emigrado en Uruguai desde novo, erixiu no campus norte da Universidade de Santiago de Compostela. Cales foron os seus alicerces conceptuais e cal é a relación da obra coa reordenación da avenida de Xoán XXIII?

Xénese socio-institucional da liberdade negativa e desprazamento da liberdade republicana – Marco Antonio Álvarez Sánchez
Afondamos nos diferentes significados e implicacións do concepto de liberdade desde a época clásica ata a actualidade. O autor introdúcenos nos termos de liberdade positiva, liberdade negativa e liberdade republicana.

Como se representa o fascismo na eso? Un estudo de caso en Cospeito – Diego García Couso
A escola non é o único lugar onde adquirimos aprendizaxes. Neste artigo presentamos as representacións dos fascismos dun grupo de estudantes de 4º de ESO antes de abordar este tema na aula.

“Fai falta educación na imaxe, na súa importancia e na relevancia do xornalismo”. Entrevista a Charo Lopes e Brais Lorenzo– David Miguel Rodríguez Martínez e Brais Ferreiro Ares
Falamos con dúas persoas que pertencen ao mundo do fotoxornalisto e traballan nel desde ópticas e espazos diferentes. Debate, complicidade e crítica nesta conversa que tivo lugar no céntrico Café de Macondo da Coruña.

Agrupación Instrutiva de Caamouco: de escola indiana a motor cultural da parroquiada parroquia– Daniel García Fernández
Pechamos este número 10 en Caamouco (Ares) coa súa centenaria Agrupación Instrutiva. Historia e actualidade mestúranse nun artigo elaborado polo seu presidente e no que se constata a enorme pegada na comunidade deste proxecto.

Máis artigos

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade