Bolachas de chocolate e noces pecanas

Hai uns cantos anos xa, cando fun por primeira (e única) vez a NY, xa eran ben coñecidas as bolachas da Levain Bakery. E é que son unhas bolachas grandes, cheas de sabor e coa textura perfecta. Crocantes por fóra e brandiñas por dentro. Recordo que me pareceron ben contundentes e case me chegan de almorzo e de xantar. Mais tamén vos digo que estaban boísimas e non me estraña a boa fama que teñen. E como están tan boas, hai que intentar facelas na casa para non ter que ir ata NY cada vez que temos antollo destas marabillas. Hai moitas versións, mais hoxe imos facer estas bolachas de chocolate e noces pecanas.

bolachas de chocolate e noces pecanas

Eu boteille noces pecanas porque non tiña das outras na casa. Mais podedes botarlle das noces de toda a vida. O importante é que tanto o chocolate como as noces as cortedes en anacos xeitosos. E mellor se empregades chocolate en anacos, e non pingas de chocolate, que adoitan ser moi pequenas e non se notan tanto no resultado final. De feito, podedes empregar chocolate negro, con leite, ou os dous. Esta receita é do blogue de Jessica Holmes, podedes ver máis receitas na súa páxina.

bolachas de chocolate e noces pecanas

Ingredientes para 12 bolachas

  • 115 gramos de manteiga fría, da neveira

  • 190 gramos de azucre moreno

  • 1 culleradiña de esencia de vainilla

  • 1 ovo grande

  • 245 gramos de fariña triga

  • 1 cullerada de amidón de millo

  • 1/2 culleradiña de bicarbonato

  • 225 gramos de chocolate negro ou con leite en anacos

  • 50 gramos de noces pecanas (ou das de sempre) en anacos xeitosos

Preparación

  • Nun bol, mesturamos a manteiga ben fría e o azucre moreno ata que fique cremoso.
  • Engadimos a vainilla e o ovo e batemos de novo ata que estea mesturado, procurando non bater de máis.
  • Mestura a fariña, o amidón, o bicarbonato e o sal e vaino engadindo pouco a pouco a mestura anterior.
  • Corta o chocolate e mais as noces en anacos xeitosos e engádeas tamén.
  • Pesa uns 75 gramos por cada bolacha, coloca 6 na bandexa e enforna a 180ºC durante uns 12-14 minutos ou ata que estean lixeiramente douradas.

Creo que o mellor desta receita de bolachas é que o seu paso a paso é dos mais sinxelos que vos podedes atopar. E como non hai que deixar repousar a masa, o tempo que se precisa para facelas, é moi pouco. Básicamente podería resumirse en mesturar e enfornar. E así de boas saen. A min gústame poñelas uns segundiños no microondas antes de comelas para que se derreta o chocolate e queden aínda máis cremosas por dentro.

bolachas de chocolate e noces pecanas

De verdade que cada trabada destas bolachas, é un pracer para todos os sentidos. Moito ollo que voan!

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.