Filtrado o novo xogo de Zelda para Nintendo Switch

martes, 2 de maio do 2023 Marcus Fernández

O venres da semana que vén chegará ás tendas o xogo para Nintendo Switch The Legend of Zelda: Tears of the Kingdom, xogo moi agardado, especialmente por mor do éxito da súa entrega precedente, The Legend of Zelda: Breath of the Wild, pero cómpre advertir aos interesados en facerse co xogo que sexan prudentes se non queren que a espera se lles atragoe, pois nos últimos días filtrouse unha copia do xogo, que circulou pola Rede (aparecendo tamén copias en formato físico á venda a prezos moi elevados), de xeito que proliferaron as imaxes e vídeos que daban detalles do título cunha grande anticipación, o que pode estragar a sorpresa os xogadores que habitualmente mercan os xogos de lanzamento.
Son xa moitos os detalles que están a publicarse sobre o xogo a través da Internet, o que algúns considerarán positivo, por poder así facerse unha mellor idea do que achegará o título, axudando á súa decisión de compra, pero para os convencidos pode ser todo un problema coñecer tantos detalles inéditos (especialmente se chegan sen buscalos a través das redes sociais).

PUBLICIDADE