Xiaomi pon á venda os Poco F5 e F5 Pro

martes, 9 de maio do 2023 Marcus Fernández

Xiaomi presentou hoxe os seus novos móbiles de gama media/alta da marca Poco, que prometen ser grandes éxitos en vendas por ofrecer prestacións bastante avanzadas a un prezo contido, na liña ao que o público está afeito con esta marca. Os novos Poco F5 e F5 Pro chegan ao mercado con prezos promocionais que manteranse até o día 16, polo que é de confiar que teñan un bo arranque.
O móbil orientado a reinar na gama media sería o Poco F5, pois funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 7+ Gen 2, que correspondería a esta categoría de produtos, aínda que estamos igualmente ante un móbil máis que competente, cunha xenerosa pantalla Flow AMOLED de 6,67 polgadas cun refresco de 120 Hz, así como cunha cámara traseira tripla cun sensor principal de 64 Mpíxeles, que xunto aos seus 12 GB de RAM, 256 GB de almacenamento interno e unha batería de 5.000 mAh con carga rápida de 67 watts forman unha combinación gañadora se temos en conta que estes días pode adquirirse a só 399,99 euros (sendo posible tamén adquirir o modelo con 8 GB de RAM por 379,99 euros).
Máis impresionante resulta o Poco F5 Pro, pois xa está equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 8+ Gen 1 (un gama alta da segunda metade de 2022); a súa pantalla Flow AMOLED de 6,67 polgadas e refresco de 120 Hz desta desta volta por ter unha resolución WQHD+ e un brillo máximo de 1.400 nits; a súa cámara traseira tripla tamén conta cun sensor principal de 64 Mpíxeles (aínda que ao contar cun procesador máis potente, en vez de limitar a gravación de vídeo a 4K é capaz de captar vídeo en 8K); a súa batería de 5.160 mAh conta con carga rápida de 67 watts por cable e 30 watts sen fíos; e o seu prezo de lanzamento tamén é moi axustado, custando 479,99 euros con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento interno, 499,99 euros con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento interno e 549,99 euros con 12 GB de RAM e 512 GB de almacenamento interno.
Temos así uns móbiles con grandes prestacións que conseguen quedar por debaixo da barreira dos 600 euros, para fortuna dos que desexen gozar da potencia dun móbil de alta gama sen ter que gastar preto de mil euros.

PUBLICIDADE