O Google Pixel 7a sae á venda a 509 euros

mércores, 10 de maio do 2023 Marcus Fernández

O Google I/O 2023 trouxo unha agradable sorpresa, xa que na súa inauguración non só se presentou o novo smartphone Google Pixel 7a, senón que incluso se puxo directamente á venda incluíndo a España entre os territorios nos que está dispoñible este atractivo teléfono que ofrecen moitas das grandes innovacións de Google a un prezo de 509 euros (incluíndo até o vindeiro días 22 uns auriculares Pixel Buds A ou un 50% de desconto na compra dos Pixel Buds Pro).
O Pixel 7a pode considerarse como unha versión económica dos Pixel 7 e 7 Pro, contando cun procesador Tensor G2 e un chip de seguridade Titan M2, polo que o seu desempeño está garantido, ao que tamén axuda que conte con 8 GB de RAM. Tamén é salientable que teña tecnoloxía de desbloqueo facial, pantalla cun refresco de 90 Hz e carga sen fíos (este último elemento pouco frecuente en móbiles económicos).
O detalle máis destacado nos móbiles Pixel é, sen dúbida, a súa cámara, e no Pixel 7a non é menos, ofrecendo un sensor un 72% máis grande que o do Pixel 6a, polo que consegue resultados aínda mellores. Tamén ten un novo obxectivo ultra grande angular de 13 Mpíxeles. A súa cámara frontal de 13 Mpíxeles tamén permite agora capturar vídeo 4K. A propia cámara está apoiada polos software de Google Fotos, que conta con funcións como o borrado máxico e o enfocado de fotografías, que permiten mellorar fotografías eliminando elementos que non desexemos ver nas imaxes e mellorando a nitidez das instantáneas.
Pero os móbiles de Google non só poden presumir de boas cámaras, senón que tamén teñen en exclusiva as funcións do Asistente de chamadas, a tradución en tempo real, as etiquetas de persoas que aparecen nunha gravación, o asistente de escritura por voz ou a transcrición de mensaxes de voz na aplicación de Mensaxes. O Asistente de chamadas é o máis sorprendente destas funcións, xa que permite que o móbil realicen funcións polo usuario, como agardar cando temos que agardar a que nos atenda un axente (momento nos que nos avisará o teléfono) ou incluso filtrar unha chamada de xeito que o propio teléfono a responderá, preguntando quen chama e o que desexa, e se detecta que se trata dunha chamada automatizada ou comercial interromperá a comunicación, mentres que se é unha chamada lexítima o teléfono soará e amosará o que a persoa que chama respondeu.

PUBLICIDADE