fbpx
CulturaGaliciaNovasReportaxes

FaltrUKeiras, a tradición galega no Reino Unido

Por Silvia Castiñeiras

O noso baile e música tradicional non ten fronteiras. Ben sabemos que en lugares históricos da emigración, como América Latina, se seguiu conservando esta cultura a través dos seus centros galegos, pero imos a outro punto xeográfico. Que unha palabra tan da terra como é faltriqueira teña que ver co Reino Unido parece complicado, pero así o argallou un grupo de persoas apaixonadas pola tradición galega. FaltrUKeiras (UK-United Kingdom) é unha agrupación creada tan só hai un ano por descendentes de galegos, persoas que se trasladaron a vivir a Londres e incluso por algún membro que non ten nada que ver pero que igualmente abraza a nosa cultura.

Con integrantes procedentes de Santiago de Compostela e mesmo dúas bailadoras, María e Leila, que formaron parte de Xacarandaina na Coruña, agora mesmo xa son máis de 30 compoñentes (cativada e adultos) aos que o éxito lles colleu por sorpresa. E é que non deixan de recibir propostas para participar en festivais no Reino Unido, como é o caso do Rochester Sweeps Festival.

Falamos con Luz Martínez Orjales, que exerce de interlocutora para achegarnos un pouco máis á historia dos que se definen como o grupo máis grande de baile galego do Reino Unido, con base en Londres aínda que con algún membro noutras cidades.

Como foi que naceu este grupo?

Nacemos no 2022 por un convite por parte dunha amizade ao día da danza dentro do St Albans Folk Festival que, aínda que é de nacionalidade inglesa, sempre admirou a musica tradicional galega. Sorprendentemente o que nos atopamos cando falamos cos diferentes organizadores dos festivais de musica folk é que coñecen perfectamente a nosa música e baile e por ser galegos xa nos abren as portas.

Xa formabades parte doutras agrupacións anteriormente?

Existe un pouco de todo. Algúns bailaron de nenos hai 20 anos. Eu concretamente aprendín hai cousa dun ano nas clases de Rega-UK (Rede Galega do Reino Unido). No caso dos músicos si que pertencían a outras asociacións, pero ata a aparición de FaltrUKeiras actuaban máis en xuntanzas e festas. Polo que nos conta a compañeira Trini, que viviu os tempos da banda do Centro Galego nos anos 80, non se fixo nada a esta escala en Londres nos últimos 30 anos.

Como facedes agora para ir mellorando o voso baile e música?

Esa é a parte máis complicada, xa que non temos profesores que nos poidan guiar. Aprendemos uns dos outros e con moito material do que se sube a YouTube. Imos facendo o que podemos e mellorando, aínda que non coa calidade do que se fai en Galicia hoxe en día. 

Gustaríavos vir actuar a Galicia?

Máis que ir a actuar, gustaríanos ir a aprender a Galicia, recibir consellos dos grupos que fan maxia aí. O noso obxectivo é ofrecer a mellor calidade nas actuacións, xa que os convites a festivais e eventos que nos chegan teñen cada vez máis relevancia.

Entón parece que vos recibe moi ben o público no Reino Unido.

A resposta é un si enorme, o público trátanos como se foramos da casa. É moi curioso como conectan coa música e o baile galegos, imaxino que polas referencias que teñen de Irlanda e Escocia. Notamos que con nós o trato sempre é diferente con respecto a outras bandas de música tradicional europea, como que nos teñen moita admiración. Eu quixera convidar aos grupos galegos a vir tocar con nós aquí e poder vivir esta experiencia.

Como vos foi no Rochester Sweeps Festival?

Saíu moi ben, os asistentes falaban de Galicia e da súa música coma se acabaran de descubrir algo novo, pero dalgún xeito conectado á súa identidade. Notamos moito interese por parte da xente nova e moitas ganas de bailar. Sentímonos case como estrelas nun evento que se considera a celebración polo 1 de maio máis multitudinaria das illas británicas. O festival de música e baile tradicional leva 40 anos de percorrido e foi moi importante estar aí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.