fbpx
CompostelaCulturaNovasReportaxesSilvia Castiñeiras

Amor ao tradicional

Por Silvia Castiñeiras

Iria Portos asegura que para ela “o tradi é vida, a miña vida enteira”. Foto: Iván Barreiro

A vida pasa e as circunstancias cambian, pero cando o sentimento e a paixón permanecen, cando unha persoa cre tan firmemente en algo que está facendo, nunca deixa de esforzarse por conservalo. Grazas a iso, á dedicación persoal de moita xente con diferentes motivacións, tamén é polo que se conserva a nosa cultura, neste caso a nosa danza e música tradicional.

Iria Portos ten 23 anos e é bailadora dende os catro. Non concibe a vida sen o seu mundo do ‘tradi’, como ela lle chama. Non coñece nin imaxina outra existencia que non sexan os días nos que foi medrando entre o colexio, o instituto, a universidade, o mundo laboral ou outras afeccións… mentres levaba ao seu compás os ensaios, as clases, as actuacións ou as foliadas. A súa profesión é outra, coa que se gaña a vida, pero a súa paixón é esta, coa que gaña vida.

Esta é a súa historia, pero podería ser a de calquera desas moitas persoas que viven e lle dan vida ao baile e a música tradicional facendo que traspase todas as liñas do tempo. Profundar, aprender, experimentar, traer ao presente e aportar para o futuro é unha diversión, un sentimento, un camiño, unha forma de ser e unha responsabilidade á vez. En Santiago vimos da Ascensión e pronto estamos xa no Apóstolo. Máis alá dos concertos ou as atraccións, a programación protagonizada polos grupos profesionais de baile e música tradicional da cidade e as súas escolas debe ser unha das claves das festas.

Iria Portos, bailadora

“Para min o tradi é vida, a miña vida enteira”. A vida adulta deixa moitas afeccións e moitas paixóns da infancia e a adolescencia atrás, ás veces porque xa non son compatibles coas rutinas, outras porque atopas outros intereses. Non é o caso de Iria Portos, que pasados os vinte continúa nun dos grupos composteláns de referencia no tradicional, Ultreia, e en Armadanzas de Laraño, a agrupación da súa parroquia onde comezou todo. Cambiar ese mundo por outro creo que sería para ela como abandonar a súa casa de sempre, o seu lugar seguro, ou algo así como cando te espertan dun soño dos bonitos.

“O certo é que cada vez é máis difícil compaxinar todo, o traballo (é enfermeira), a continuación de estudos, os ensaios, as clases, as actuacións… e un pouco que queiras facer outras cousas. O primeiro que pensa a xente é o típico, que o traballo non o vas deixar, entón dinche iso de que terás que deixar de bailar ou de tocar”. Pero Iria ten a resposta moi clara: “Se eu deixo de bailar ou tocar caio en depresión, case prefiro estar abafada. E é que o baile desestrésame do resto das cousas, eu son feliz mentres bailo”.

Non concibe a vida sen o tradicional e eu creo que tampouco a concibo sen que ela diga aquilo de “marcho para un serán” (a calquera curruncho de Galicia). Di que moitos compañeiros abandonaron polo camiño. Tal é que agora está bailando con xente á que ela mesma lle deu clase antes. “Aínda vou ser a mítica carca que ves enriba do escenario. Non sei, todos de 18 e eu aí no medio con 40, esa vou ser eu” (a indirecta carca aos 40 voullo perdoar, divina xuventude).

Silvia Castiñeiras e a súa prima,
Iria Portos, hai uns aniños.

Armadanzas de Laraño e Ultreia. Toda unha vida bailando, tocando e cantando

“Teño 23 anos e non recordo unha vida sen bailar, tocar e cantar”, destaca Iria. E eu, que lle levo uns cantos anos e a coñezo dende que naceu, xa case non recordo tampouco a súa vida sen vela de aquí para alá coas trenzas, as saias… de actuación en actuación. E como se construíu esa vida?

Bailando… “Empecei no baile de casualidade, no Centro Sociocultural de Laraño, porque empezaba unha amiga miña cando tiñamos 4 anos e quería que fora con ela. Eu que son moi ghiadiña alá fun e dende aquela estou en Armadanzas. Entón, Gus, que era o meu profesor e tamén daba clases en Ultreia en Santiago, comentoume de ir alí e fíxenlle caso”.

Así comezou o seu percorrido ata o grupo titular de Ultreia, como “cando chegas a un traballo e vas ascendendo, pois igual. Tamén vai implícito coa idade”, explica. Tiña 13 anos cando debutou co que entón eran para ela os ‘maiores’. “Entrei directamente no grupo titular de Ultreia facendo unha substitución nas Xornadas de Baile Tradicional do Apóstolo, que é o gran evento para os grupos tradicionais principais da cidade, e aí sigo”. Esa data na que suben ao escenario da Quintana aínda segue a ser todo un acontecemento e os veráns xiran ao redor desta actuación, pero aquela primeira vez non se esquece nunca. “Recordo que me quedaba grande a roupa, non enchía nin a camisa. Ía toda con recheos porque era tan pequena comparada co resto da xente… Eu era fisicamente moi miúda e o resto tiña máis anos e máis corpo ca min”.

Tocando… “Cando me iniciei no baile en Laraño tamén comecei a tocar a pandeireta nun grupo que formamos alí, Riscadeira, no que me acompañaban miña nai e miña prima” (aquí unha servidora que fixo o que puido cando unha cativa pisaba tan forte).

De aí xa só quedaba un paso para que a ‘muller orquestra’, como eu lle chamo, se apuntara a todo en Ultreia e acabara dominando a gaita, a percusión e ata o acordeón. Repasando esa traxectoria Iria recoñece que “ás veces non sei nin como foron as cousas. Acórdome unha vez que saía de gaita e estaba Emilio Lois (gaiteiro) e díxome veña toma o bombo e a maza e dálle aí a ver que fas…”. E o que fixo foi aprender. “Con Gus aprendín a tocar a pandeira, pandeiro, cunchas, culleres, lata, botella, tixolas, sacho…”. Actualmente forma parte das pandeireteiras de Ultreia.

Cantando… “O de cantar foi paralelo co de tocar nas pandeireteiras. Tiven que ir mellorando co tempo e perdendo o medo, aínda que como empecei de pequena tampouco sentes esa vergoña que quizais lle dá a unha persoa que empeza de maior e de repente se ve sacando coplas ante o público”, puntualiza Iria.

Axudando ás novas xeracións

As novas xeracións non teñen idade, nunca é tarde para comezar no folclore. Aínda que a Iria o que máis lle gusta é bailar e tocar, tamén está a vivir a experiencia dende o outro lado, ensinando.

Tratar de transmitir o que sabes e o que sentes e conectar ás persoas que acaban de empezar con ese mundo do tradicional ten o seu aquel.

“As primeiras clases que din cando tiña 16 anos máis ou menos foron en Laraño e alí sigo coa pequechada”. Con Gustavo, o seu profe, continuou mergullándose nesta faceta acompañándoo ás clases que el daba. “Foi así, case sen darme conta, cando me vin ensinando e acabei facéndome cargo con Cris (tamén de Ultreia) dun grupo de pequenos”. A isto súmaselle que dá clases de pandeireta na AC San Campio de Sarandón e guía no baile a un grupo de adultos en Ultreia.

“Aos pequenos cóllelos e edúcalos no baile á túa maneira e xa te entenden sempre, pero aos adultos dislle algo e sobre iso necesitan saber mil matices e aclaracións, son algo máis complicados”. E fai bromas con que “os maiores igual me ven a min moi pequena, pero teño moito xenio, se os teño que poñer a picar contra a parede non hai problema” (risas). E é que todo esixe unha disciplina.

Confesa que vai máis nerviosa ás actuacións dos alumnos que ás súas propias. Aínda recorda as que liaban ela e o seu grupo de pequenos… “Temos feito cada unha que eu non quixera estar na pel do profesor, como cando nos inventamos un baile enteiro en plena actuación. Non fixemos nada do que estaba preparado e aínda hoxe nos seguimos acordando daquel día”.

Un sentimento case inexplicable

Ela non cambiaría a vida no tradicional por nada. “É incrible que nós esteamos bailando o que bailaban os antepasados, conservando iso e que gocemos, que siga habendo foliadas, que a xente se apunte a bailar e tocar. Que che encante bailar nun serán e pensar que iso o facían noutros tempos cando acababan de traballar… é que é un sentimento case inexplicable” reflexiona ela. E engado eu que, ademais de inexplicable, é contaxioso.

Para mostra disto ben o deixa caer Iria. “Case podo dicir que saquei á miña familia do fútbol para seguirme no baile. Entre pais, primos e tíos ninguén se dedica ao tradicional e de repente aparecín eu con isto onde o sagrado era o fútbol. Conseguín que comezaran a vir a verme ás actuacións. Reeduqueinos un pouco no tradicional”.

E aínda que parece algo inexplicable, trata de explicar. “A tradición que temos en Galicia para min é incomparable á doutros lugares. Cando falo con xente de fóra penso que a nosa tradición é algo que impresiona, creo que a vivimos dunha maneira moi particular, diferente a outros lugares coa súa cultura tradicional. É algo moi noso que non sei se o resto do mundo o pode entender”. Afírmao quen dende pequena xa “ía aos seráns e gozaba, e aínda me pasa hoxe que me teñen que dicir … nena hai que marchar que a xente está recollendo…”

Cando os amigos do instituto saían da clase e quedaban para facer algo ou ir de bares, recorda ela que “tiña non sei cantas clases e actuacións as fins de semana ou ía ás foliadas e eles alucinaban. E eu, aínda que tamén saio polas noites da maneira que a xente entende como normal, digo rotundamente que prefiro oitenta mil veces máis ir a unha foliada que saír ás discotecas”. Ademais, di, “o baile deume todo, algunhas das persoas máis importantes da miña vida”. Que máis se pode dicir.

Gustavo Couto e Cristina Cotilla, no local de Ultreia en Santiago. Foto: Iván Barreiro

Gustavo Couto, profesor de tradicional

Gustavo Couto é o profesor de baile e música ao que tantas veces fai referencia Iria. Non é de estrañar, el foi esa persoa guía que fixo medrar o gusto polo tradicional e quen abriu novas portas e mostrou os distintos camiños. A min sempre me recordan a esas bandas de música que fan horas na furgo de actuación en actuación, así os imaxino cando os vexo marchar no coche cara calquera foliada.

Tras vinte anos dedicándose a dar clase como profesión (agora mesmo ensina en Ultreia, en Armandanzas de Laraño e varios grupos máis) asegura que como mestre sempre é un orgullo ver como nenas e nenos que se iniciaron con el no baile tradicional seguen hoxe en día entregados neste mundo. “Debería ser a finalidade de todo mestre, procurar que continúen bailando ata que o corpo lles aguante, ou esa é a miña idea fundamental. Eu quero que me superen e o certo que moitos xa me superan en talento e habilidade. O meu obxectivo é que canto antes me pasen por enriba mellor, que sexan bos e continúen todo o que poidan”. E é que á marxe da situación de cadaquén, no fondo o mestre sempre ten unha responsabilidade no apego que un lle colla ao tradicional, e máis na infancia. Para Gustavo a clave está en “abrirlle as portas para que saiban o que fai outra xente, mostrarlle todos os camiños e oportunidades, non apostar só polo que ti lle poidas inculcar senón aportarlle máis”.

O modo de formar aos grupos foi cambiando ao longo dos anos, di Gustavo, porque a sociedade tamén cambiou. “O xeito no que a rapazada vén ao baile cambiou. Antes ían a coñecer xente, formar parte dun grupo, botaban máis tempo xuntos despois das clases… pero agora non necesitan iso para socializar porque xa están os teléfonos móbiles ou as redes sociais para estar en contacto continuamente”, reflexiona. Iso si, a cantidade de oferta de ocio ou as horas que se pasa a xuventude enganchada a internet, por sorte, ou polo menos no caso de Gustavo, non fixo que minguara o interese no tradicional. “Eu baseándome na miña experiencia non me podo queixar porque sigo tendo canteira, aínda que ogallá houbera máis, iso sempre. É certo que nos últimos tempos, e máis coa pandemia, se desfixeron grupos e asociacións, pero no que a min respecta todo vai bastante ben”.

Iria, no espectáculo ‘O que non se ve’.

Proxecto ‘Et suseia’. O protagonismo da muller

Et Suseia é todo un exemplo de ata onde pode chegar a exploración de novos camiños e a unión de talentos de persoas que levan xuntas no baile e na música dende sempre. É o caso de Gustavo, Iria e Cristina Cotilla, que estrearon o pasado mes de abril no Teatro Principal o espectáculo ‘O que non se ve’, unha mestura de danza tradicional e contemporánea. O proxecto é froito da colaboración co Ballet de Galicia, de Marín, coa implicación de Diego Landín e Erick Pegueros, autores con Gustavo das coreografías.

“Creo que quedou algo moi redondo e o que quixemos mostrar funcionou á perfección. Sinto orgullo porque defender un espectáculo dunha hora con só catro persoas en escena é complicado e ver como dúas rapazas que se formaron comigo dende pequenas foron capaces de facer o que fixeron, unha no baile (Iria) e outra na parte musical (Cristina), é para estar contento”, declara Gustavo.

A cuarta persoa do grupo na parte de danza contemporánea é Iria Calvar, de Marín, que conforma o corpo de baile con Iria Portos. Gustavo e Cristina poñen a parte instrumental a un espectáculo que pon en valor á muller. “Quixemos expresar o que sucede na vida en xeral, onde a muller é todo. Nisto tamén, son elas as que tiran do baile e levan o peso, nos meus grupos vese como elas tamén sacan os puntos. O típico era que as mulleres cantaran e os homes bailaran e neste caso démoslle a volta, dúas mulleres bailando soas, un home tocando e cantando e incluso unha muller (Cristina) na batería”. Pois iso, o que non se ve… ou non se vía antes.

Na batería está Cristina e coincide con Gustavo niso de que o espectáculo “vai un pouco ao revés, cambiando roles”, o que o fai, di, “moi interesante”. Ela tamén comezou no baile, aínda que nun momento, “non sei ben cando, foi algo máis ben inconsciente”, asegura, se decantou pola parte musical. “Estoume formando en Musicoloxía e encántame ler partituras e estudar de onde vén tal xénero musical. A día de hoxe toco todos os instrumentos de percusión de man que hai e estudo percusión clásica no Conservatorio”.

Esta é a historia de Iria e da súa xente de Armadanzas e Ultreia pero podería ser a historia de tantas outras persoas, que como ela, e como eles, atoparon no baile e na música tradicional galega un modo de vida. E grazas a toda esta xentiña e a que virá este modo de vida tan importante para a nosa cultura permanece ao longo do tempo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.