Google One deixará de ofrecer o servizo VPN

Hai pouco máis dun ano Google ampliou o servizo de VPN a todas as persoas que dispuñan dunha subcrición a Google One. Até ese momento, o servizo viña sendo un beneficio exclusivo das persoas que tiñan un plan Premium de 2 TB. Agora, a compañía anuncia que deixará de ofrecer ese servizo para todas as persoas.

A través dun comunicado que Google está a enviar ás usuarias de Google One infórmase de que “ao longo deste 2024” deixará de estar dispoñíbel. A razón, segundo informa Google, é que non ten éxito entre as usuarias. As únicas persoas que poderán seguir empregando este servizo máis aló deste ano son as usuarias de dispositivos Pixel 7 e modelos posteriores.

O da VPN gratuíta non é a única vantaxe que deixa de estar dispoñíbel en Google One. O servizo de envío gratuíto de fotos en determinados pedidos de copias impresas rematará o 15 de maio na Unión Europea, Reino Unido, Canadá e Estados Unidos.

Con estas actualizacións, redúcese o número de vantaxes exclusivas que supón ter unha conta de Google One, que practicamente quedan limitadas a desfrutar de máis espazo para correo electrónico, fotos e almacenaxe na nube de Drive.

Sobre o autor

Reply