Ghost of Tsushima funcionará en ordenadores bastante modestos

mércores, 17 de abril do 2024 Marcus Fernández

O vindeiro 16 de maio chegará a PC o aclamado xogo Ghost of Tsushima Director’s Cut, sorprendendo polo coidada que está a ser esta conversión do xogo para PlayStation 4 e 5, que na súa versión para ordenadores persoais contará con xogo cruzado no modo Lendas, compatibilidade cos Trofeos de PlayStation e incluso a posibilidade de empregar en PC unha interface de PlayStation que inclúe a listaxe de Amigos, Trofeos, Axustes e o Perfil, de xeito que a experiencia replicaría con grande fidelidade á das consolas.
Pero a grande sorpresa deste xogo está a ser a súa optimización, xa que o xogo non só está preparado para poder funcionar en monitores ultrapanorámicos e incluso en configuracións de até 3 monitores, senón que tamén permite aproveitar funcionalidades como nVIDIA DLSS 3, AMD, FSR 3, Intel XeSS, nVIDIA DLAA ou AMD FSR 3 Native AA, para mellorar a velocidade de fotogramas e a calidade de imaxe.
Tal é o nivel de optimización deste título de Nixxes e Sucker Punch que na súa configuración máis básica poderá correr a 720p nun ordenador cun procesador Intel Core i3 de sétima xeración con 8 GB de RAM e unha gráfica nVIDIA GeForce GTX 950 con 4 GB de memoria de vídeo, ou sexa, un equipo modesto de hai uns 7 anos, deixando claro que queren que o xogo poida chegar a un grande público. Os que teñan equipos de hai 4-6 anos xa poderán gozar do xogo en Full HD, mentres que os que conten con ordenadores propios de hai 3 anos xa podería gozar das bondades do 4K. En definitiva, un título que realmente se adapta ás capacidades do noso equipo, estando ao alcance de moitos, e que os que teñan os equipos máis potentes poderán incluso gozar do mesmo con mellores gráficos dos que puideron verse inicialmente en consola.

PUBLICIDADE