fbpx
A CoruñaCulturaNovas

Grande Amore, Boyanka Kostova, Leria e Lontreira, no festival de música galega ‘Aquí tamén se fala’

O I Festival de música galega contemporánea ‘Aquí tamén se fala’ realizarase o venres 7 de xuño desde as 17.00 h na praza da Tolerancia da Coruña, con entrada de balde, e contará coa presenza de grandes bandas de música en galego. Actuarán Grande Amore, Boyanka Kostova, Leria e Lontreira.

“A Coruña ten e sempre tivo un forte vínculo coa lingua galega, que seguimos impulsando desde o Concello na súa vertente musical con iniciativas coma esta ou a realización de grandes eventos como o concerto no Coliseum de Tanxugueiras”, indicou Gonzalo Castro, responsable da Área de Cultura. O edil celebrou que esta iniciativa partise da comunidade educativa da cidade e especialmente do IES Rafael Dieste, que xa conseguiu vincular a 200 centros de toda a comunidade. “Hoxe ese proxecto, que naceu nesta cidade, non só chega a 50.000 alumnos e alumnas de centros educativos de toda Galicia, senón que tamén se suman grandes clubs deportivos, asociacións, entidades empresariais… Unha vez máis, como aconteceu no seu día co nacemento das Irmandades da Fala, A Coruña é berce de iniciativas únicas para a defensa e a promoción da nosa lingua”, indicou Castro.

Tamén participaron na presentación deste concerto Meteo Torres, director do IES Rafael Dieste; Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; Soledad Agra, deputada de Igualdade da Deputación da Coruña; Juan Granados, inspector de Educación; Arcadio González e Alberto Pombo, coordinadores do festival; Nuno Pico (Grande Amore) e May (Leria). 

Campaña de dinamización lingüística

‘Aquí tamén se fala’ é unha campaña de dinamización lingüística da mocidade estudantil que partiu dos profesores Arcadio González e Alberto Pombo e leva a cabo accións directas nos barrios e na contorna inmediata de cada alumno/a. O proxecto pon especial atención na música e na cultura galega, realizando gravacións e entrevistas que se divulgan en redes sociais. O seu obxectivo é rachar os prexuízos sobre a ausencia de falantes en galego en diferentes ámbitos da sociedade e do traballo.

O concelleiro Gonzalo Castro explicou que ‘Aquí tamén se fala’ é un proxecto en liña coas accións que está a poñer en marcha o Goberno de Inés Rey, o primeiro goberno en aprobar no Concello unha ordenanza do galego, mais tamén o primeiro en apostar como o está a facer pola cultura propia: ·”No Noroeste dos anos 2022 e 2023 máis do 30% dos músicos que actuaron foron galegos, e nesa liña de promoción da nosa cultura seguiremos”, indicou Castro, quen recordou tamén, entre outros fitos, que na Coruña deu o seu primeiro concerto unha banda tan senlleira como Milladoiro, no salón de actos dos Salesianos hai 40 anos, unha efeméride que se conmemorará neste 2024 cun concerto homenaxe no Pazo da Ópera.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.