Wacom estrea tableta dixitalizadora con pantalla OLED

venres, 26 de abril do 2024 Marcus Fernández

Wacom vén de renovar o seu catálogo de tabletas dixitalizadoras coa Movink 13, que presume de ser o primeiro produto profesional deste tipo con pantalla OLED, que nun par de semanas estará dispoñible a un prezo de 849,90 euros.
Estamos ante unha tableta dixitalizadora cunha pantalla OLED Full HD de 13,3 polgadas, que grazas ao cambio de tecnoloxía pode presumir dun deseño máis delgado (só 4 milímetros de grosor) e lixeiro (só 420 gramos de peso), converténdose así nun mellor complemento para profesionais artísticos de distinto perfil (ilustradores, deseñadores de videoxogos, fotógrafos, editores de vídeo...).
A Wacom Movink 13 coa súa pantalla OLED con protección Corning Gorilla Glass, pode presentar imaxes cubrindo o 100% do espazo de cor DCI-P3 e o 95% do Adobe RGB cunha alta precisión de cor e con calibración de fábrica (podendo almacenar dous perfís de calibración no propio dispositivo).
A tableta pode conectarse ao ordenador directamente a través de USB-C, é compatible cunha ampla gama de lapis dixitalizadores (inclúe o Wacom Pro Pen 3) e tamén pode completarse con teclas táctiles personalizables nos seus delgados marcos, conseguindo así unha maior eficiencia nos fluxos de traballo.

Vídeo promocional da nova tableta de Wacom

PUBLICIDADE