fbpx
CompostelaCulturaNovas

O Festival Plataforma encherá Santiago de actividades culturais do 16 ao 25 de maio

O xoves 16 de maio dará comezo a programación da V edición de Plataforma Festival de artes performativas en Santiago de Compostela. O músico Benxamín Otero en colaboración coa Coro da Ra serán os encargados de abrir o festival ás 20.00 horas na Praza das Praterías de Santiago de Compostela. Neves Seara, Grace Schwindt, Mónica Valenciano, Nuria Vil, María Jerez, Nuria Sotelo e Luz Arcas, Juan Domínguez, Vasco Araújo, Russ e Ana Gesto completan o cartel desta edición que foi presentada no Pazo de Raxoi pola concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e os seus organizadores, Mónica Maneiro e Iñaki Martínez.

Organizado pola Cooperativa Performa (Mónica Maneiro Jurjo e Iñaki Martínez Antelo) coa colaboración do Concello de Santiago, Plataforma. Festival de artes performativas celebrará a súa quinta edición en múltiples localizacións de Santiago de Compostela entre o 16 e o 25 deste mes de maio.

Na rolda de prensa de presentación, a concelleira Míriam Louzao recordou que Plataforma “é un festival que fomenta a colaboración entre artistas de diferentes disciplinas, o que favorece o cruce de públicos diversos e promove interesantes conexións creativas” e salientou que “se trata dun festival de cidade e transversal” polos múltiples propostas e emplazamentos, que tamén funciona como incubadora facendo “medrar proxectos e artistas” e “promove o pensamento crítico”.

A edila de Capital Cultural tamén destacou a celebración da segunda edición do Premio Plataforma “á traxectoria dunha artista que tivera unha importancia clave para a evolución do xénero ou fixera aportacións fundamentais á arte da performance” que este ano será outorgado á coreógrafa, bailarina e Premio Nacional de Danza Mónica Valenciano que virá a Santiago “non só para recoller o premio senón tamén para compartir con nós a súa arte”.

Proposta multidisciplinar

O Festival Plataforma é unha cita anual ineludible para os amantes da cultura e as artes, achegando diversos públicos coa súa proposta interdisciplinar. Entre o 16 e o 25 de maio o festival dinamizará as rúas e prazas da cidade, con performances, música, cinema, danza, propostas escénicas, encontros, talleres, exposicións, conferencias performativas e arte contemporánea.

O músico Benxamín Otero será o encargado de abrir esta edición do festival en colaboración co Coro da Ra, dirixido por Ramón Bermejo. A formación compostelá acaba de cumprir trinta anos de vida, dende o que fora o seu primeiro concerto público. Coma un cento de paxaros é a peza preparada especialmente para o festival polo músico de Lalín e o coro para estrear nesta edición de Plataforma. Será o xoves 16 de maio na Praza de Praterías ás 20.00 horas.

Dous días antes, o martes 14, comezarán as actividades formativas de Plataforma cun taller de performance a cargo da artista Ana Gesto. O taller para o que é necesario inscrición a través da web do festival plataforma.gal terá lugar no Centro Sociocultural Santa Marta. O día 18 de maio os participantes realizarán unha mostra de resultados nas rúas do casco vello da cidade acompañados pola artista. A este taller súmanse outras propostas educativas como o taller para a cativada dirixido por Neves Seara que terá lugar no Parque de Bonaval o día 25 de maio.

O festival organizado por Cooperativa Performa caracterízase pola deslocalización de espazos e a aposta pola colaboración entre as institucións culturais da cidade, ademais de pola proposta dunha programación de rúa que sorprende aos viandantes. Nesta edición gozaremos das actuacións e performances en múltiples escenarios: A galega Neves Seara será a encargada de protagonizar a programación do día das Letras Galegas na Fundación DIDAC coa súa performance Perder os papeis. Palabra ferida. Celebraremos o Día dos Museos no CGAC coa artista alemá Grace Schwindt en colaboración coa música e performer galega Macarena Montesinos que presentan en Plataforma a peza Strings tomando a figura das mouras como punto de partida. A coreógrafa, bailarina e Premio Nacional de Danza Mónica Valenciano actuará na sede de SGAE presentando o seu último traballo, El lugar de los pasos perdidos, unha obra entre a danza contemporánea e a performance que nos leva ao universo particular da artista nunha viaxe persoal e introspectiva. A cita será ás 20.00 horas.

As actuacións no CGAC continúan o día seguinte coa estrea en Galicia de Blob de María Jerez. Nuria Vil pola súa banda, presenta unha nova peza performativa a mañá do domingo 19 baixo o título Declaro deserto na sala da Fundación DIDAC. A programación do 19 remata coa presentación do proxecto Fora de si das coreógrafas e bailarinas Nuria Sotelo e Luz Arcas na Igrexa da Universidade. O venres 23 de maio a gran figura da danza contemporánea Juan Domínguez nos leva ata a Sala Agustín Magán de Santa Marta coa súa conferencia performativa no me tiene que interesar. O sábado 25 será o día do cinema e a arte contemporánea. Presentaremos a película Carmen Troubles do artista portugués Vasco Araújo que afonda no mito de Carme en NUMAX sendo a súa estrea en España. Na mesma mañá terá lugar a inaguración da mostra ‘E agora para onde vou’ do artista Vasco Araújo comisariada por un dos directores do festival, Iñaki Martínez Antelo.

O festival pecha a noite do 25 de maio ás 22.00 horas na Sala Riquela coa actuación da DJ galega Russ.

Grazas a súa natureza transversal, o Festival Plataforma intégrase á perfección coa programación cultural compostelá, así coma na rede galega de institucións públicas e privadas que colaboran con este festival. Un ano máis, Plataforma aposta polo talento local e a igualdade, facendo da cultura o eixe integrador do patrimonio compostelá. Nesta edición os escenarios da programación serán espazos como a Praza das Praterías, o parque de Bonaval, a Fundación DIDAC, a sala do cinema NUMAX, o Centro Sociocultural Santa Marta, a sede de SGAE Sociedad General de Autores e Editores, a Igrexa da Universidade, a sala Riquela ou o CGAC, Centro Galego de Arte Contemporánea, ademais de recuperar a Sala Agustín Magán para usos escénicos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.