O novo dron económico de DJI grava vídeo en 4K

luns, 29 de abril do 2024 Marcus Fernández

DJI está a ampliar a súa familia de drons económicos de menos de 250 gramos de peso (para non ter que someterse a duras lexislacións sobre o uso deste tipo de dispositivos voadores) e, aínda que polo momento non aparece na súa páxina web, xa está dispoñible para a súa compra en Amazon o novo DJI Mini 4K.
Este dron, que pode mercarse na súa configuración básica por 299 euros e con un centro de carga, baterías adicionais e bolsa de transporte por 439 euros, pode verse como a evolución do DJI Mini 2 SE, pero que desta volta conta con gravación de vídeo 4K a 30 imaxes por segundo (en contraste coa resolución 2,7K do anterior modelo económico da compañía).
O DJI Mini 4K pode verse así como un magnífico dispositivo de iniciación, cun tamaño compacto, un peso de menos de 249 gramos, gravación de vídeo 4K, transmisión de vídeo HD até a 10 quilómetros de distancia, disparo de fotografías de 12 Mpíxeles, batería cunha autonomía de até 31 minutos de voo e funcións de gravación intelixente (QuickShots Espiral, Dronie, Órbita e Boomerang), regreso ao punto de orixe e voo estacionario estable pro GPS.
Cómpre salientar que o lanzamento deste dron non supón a desaparición do DJI Mini 2 SE, que vén de rebaixar o seu prezo até os 259 euros, polo que pode ser tamén unha boa opción para introducirse no mundo dos drons con cámara.

O DJI Mini 4K ten especificacións moi completas pese ao seu axustado prezo

PUBLICIDADE