fbpx
GastronomíaO consello de Lenzo

Intolerancias: adaptarse ou morrer

Por Uxía Blanco e Cata Mosquera de Lenzo Estudio

Décheste de conta de que cada vez hai máis persoas con intolerancias e alerxias alimenticias? Pois si, esta xa é a realidade de moitas persoas, e cousas tan sinxelas como gozar de actividades culturais ou da oferta gastronómica dun lugar poden resultar moi complicadas…

Por sorte, cada vez máis negocios se animan a traballar dunha forma inclusiva e a ofrecer opcións sen glute, sen lactosa, vexetarianas, etc. Pero… estano a comunicar correctamente? Se queremos chegar mellor aos nosos clientes potenciais, hai que poñelo fácil e non esperar a que sexan eles os que teñan que buscar e preguntar.

Que as intolerancias alimentarias formen parte da estratexia de comunicación dun proxecto di cousas moi boas dos seus valores e visión de negocio. Hai moitos aspectos a ter en conta para facer isto ben pero, por que non comezamos polo máis “obvio”? Estalo a comunicar correctamente na túa carta, no teu establecemento?

As leis obrigan a dispoñer de carta de alérxenos, pero sorprenderíache a cantidade de restaurantes que non os teñen ben indicados ou que poderían adaptar certos pratos e non o están a contar, e lembra: o que non comunicas, non existe.

Hai estudos que din que lle dedicamos pouco máis dun minuto de media a botar un ollo á carta dun restaurante… pero, queda claro quen es e que ofreces nese tempo? Esta non pode ser un mero listado de produtos. Se está coidada ao detalle, pode axudar a vender os pratos mais rendibles e aumentar o recibo medio pero, pola contra, se é confusa e sen personalidade, pode rematar por prexudicarte.

Como ves, cada detalle conta, tanto no teu espazo físico como nos teus perfís dixitais, así que… se existe unha crecente demanda doutros tipos de alimentación, por que velo como un problema e non unha oportunidade para destacar?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.