Google presenta o Pixel 8a

martes, 7 de maio do 2024 Marcus Fernández

O móbil de entrada da familia Pixel de Google renóvase, e xa temos aquí o novo Google Pixel 8a en 4 cores (aloe, celeste, porcelana e obsidiana) e un prezo de 549 euros para a versión con 128 GB de almacenamento e de 609 euros para a versión de 609 euros, o que podería parecer unha magnífica proposta para a gama media se non fose porque o Pixel 8, cun prezo oficial de 799 euros, podía atoparse hai poucos días a 599 euros, converténdose nunha compra máis intelixente.
O Pixel 8a presume de estar equipado cun procesador Tensor G3 e as ultimas funcións de intelixencia artificial de Google (como Gemini, o borrador máxico de audio ou a función de escolla da mellor toma nas fotografías), e fronte ao Pixel 7a diferénciase principalmente por unha pantalla un 40% máis brillante e cunha velocidade de refresco de 120 Hz, así como con maior variedade de cores na súa carcasa, podendo considerar que estamos ante unha actualización continuista.
Estes novos móbiles veñen cunha cámara principal de 64 Mpíxeles, unha cámara ultra grande angular de 13 Mpíxeles e unha cámara frontal de 13 Míxeles, prometendo todas estas cámaras imaxes e vídeos excelentes, grazas principalmente ao bo procesado de imaxe que fai o software de Google. Tamén resulta de agradecer que Google prometa até 7 anos de actualizacións deste dispositivo, polo que é unha boa compra para quen desexe ter o mesmo móbil a longo prazo.
Cómpre salientar que con este lanzamento Google aproveita para traer a España a Pixel Tablet a un prezo de 499/619 euros con 128/256 GB de almacenamento. Ambos produtos comezarán a entregarse aos compradores o vindeiro día 14.

Vídeo promocional do Pixel 8a

PUBLICIDADE