martes, 30 de marzo de 2021

Kebab da casa

Supoñemos que esta receita vai chamar a atención de moita xente e máis nestes tempos en que un kebab se converteu nun símbolo pasado de tempos festivos e de recuperacións nocturnas. A cea máis tardía tras troula ou o almorzo de máis adiantado? Sexa o que for, o kebab xa está instaurado na nosa gastronomía rutinaria de rúa desde hai arredor dunha década. Non hai vila sen o seu restaurante turco nin festa sen o parrandeiro que acuda ao kebab na procura da solución a todos os seus meigallos alcólicos. 

Aínda que aquí o asociamos, como escribimos, a restaurantes turcos, este alimento é un dos mellores representantes da gastronomía de Oriente Medio. Alí teñen moitas variantes aínda que o nacemento provén da carne espetada.

Iso si, a súa expansión por Europa vén da man do éxodo de turcos a Alemaña a mediados do século XX e hoxe en día hai máis postos de keban en Berlín que en Estabul, por exemplo, aínda que iso como sabemos, depende da comercialización e do éxito en moitas ocasións do foráneo. Reino Unido tamén é un clásico neste tipo de locais. E como mencionabamos ao principio, en Galiza veñen sendo moi habituais desde hai arredor de dez anos ganando un oco nos clásicos da comida rápida e tamén económica, algo que ao noso ver, fai que teña tamén a popularidade que ten. Aquí unha receita caseira, salvando obviamente as distancias co orixinal. 



Kebab da casa


Ingredientes:

Para a carne:
  • 2 filetes de tenreira (grandes)
  • 1 culleriña de ourego
  • 1 culleriña de alfábega
  • 1/2 culleriña de pemento doce
  • 1/2 culleriña de comiño           
  • 1/2 culleriña de canela
  • Pementa moída
  • Sal
  • AOVE
Para a salsa de iogur:
  • 250 g de iogur grego
  • 1 dente de allo
  • O zume de 1/2 limón
  • Pementa moída
  • Sal
Para a montaxe:
  • Pan de pita
  • Leituga
  • Tomate 
  • Cebola

Utensilios: unha bandexa apta para o forno, unha táboa e un coitelo, unha cunca e unha prancha.


Elaboración:

Para comezarmos, temos de cortar os filetes en anacos pequenos e adobámolos co ourego, a alfábega, o pemento doce, o comiño, a canela, a pementa moída, o sal e dúas culleradas de aceite de oliva. Reservamos 3-4 horas.


Facemos a salsa de iogur. Para iso, só temos que picar moi ben o allo e mesturar todos os ingredientes. Reservamos, tamén, 3-4 horas.

       




Pasado ese tempo, prequentamos o forno a 140º, calor arriba e abaixo, metemos a carne e deixámola 30 minutos, cada 10 debemos remexela.


Mentres tanto, lavamos a verdura e picámola (a leituga e a cebola en xuliana, e o tomate en lascas) e quentamos o pan de pita.



Montamos os kebabs! Par iso, abrimos o pan, colocamos a verdura.



Despois a carne.


E, por último, a salsa ao gusto.



E xa estarían listos para comer! 


Agardamos que vos gusten e que a poñades en práctica. 


Aquí non o comemos desta vez na madrugada porque non faría moito sentido, a verdade. Mais si o gozamos como se na fin dunha festa estivésemos, pringando os dedos, manchando os beizos... Que comida tan, tan... popular! Gozádea!

1 comentario:

  1. emperor casino signup bonus 2021 - Shootercasino
    Looking for an online casino that accepts bitcoins? Check out the 바카라사이트 latest in 제왕카지노 casino's bonus range and 1xbet korean the best casino bonuses 2021. Rating: 4 · ‎7 votes

    ResponderEliminar