7 bivalvos que parecen ameixas pero non o son

9 minutos de lectura

Cadelucha, cornicha, chirla, carneiro, relo, rabioso e arola. Coñecelas? Unhas parécese máis e outras menos as ameixas, pero todas son moluscos bivalvos comestibles. Se queres aprender a distinguir estas especies mariñas, aquí che deixo unhas claves.

Tres dentes cardinais da Familia Veneridae bivalvos moluscos ameixas
Tres dentes cardinais da Familia Veneridae

Que son as ameixas?

As especies comerciais da Familia Veneridae chamamolas ameixas. Pola palabra “ameixa” estamos designando a un moluscos bivalvos que se cultivan ou se explotan comercialmente. Sen embargo, a chirla, o relo e o carneiro son da Familia Veneridae pero ninguén di que sexan ameixas. Isto é porque o que recoñecemos como unha ameixa, ten unha cuncha de forma máis ben oval, con estrías ou costelas marcadas no exterior da cuncha, pero sen tubérculos, ou pinchos.

Aínda que a cornicha en castelán se lle chame “Almeja blanca”, o seu aspecto é algo diferente ás ameixas e nin sequera é da mesma familia. A cadelucha, rabioso e arola son tamén parentes próximos pero doutras familias.

Entre as características desta familia de especies están: ter unha cuncha sólida, coas dúas valvas iguais, e a presencia de 3 dentes ao lado da bisagra. A forma do perfil, a ornamentación exterior, a lonxitude do seno paleal ou a lonxitude dos sifóns son outras características que nos permiten diferenciar entre especies.

Ameixas 6 todas vertical
As 6 ameixas que se capturan en Galiza.

Outros moluscos bivalvos

Das 7 especies das que se fala neste artigo, as máis coñecida e apreciadas quizais sexan a cadelucha (coquina en castelán), chirla e a cornicha. Aínda que as ameixas son o molusco estrela de Galicia en cantidade capturada e no prezo que acadan nas lonxas, tamén existen outros bivalvos como as vieiras ou as ostras sobradamente coñecidos e apreciados.

O rabioso, o relo e o carneiro son quizais os menos parecidos á forma dunha ameixa, de feito se pasamos por alto as fortes costelas radiais dos berberechos, case os poderíamos confundir.

Aínda que a arola podería confundirse cunha navalla ou longueirón polo corpo alongado, a cuncha é bastante máis ancha, grosa e arredondada.

Claves para diferenciar as especies

Chegar a identificar especies é un traballo que require dalgunha experiencia. A primeira vez que unha persoa se enfronta a esta labor sole xerar máis dúbidas que certezas, polo que se é a túa primeira vez non desesperes.

Ornamentación partes cuncha molusco bivalvo. Fonte: Guia de los Moluscos Marinos de Galicia
Ornamentación partes cuncha molusco bivalvo. Fonte: Guia de los Moluscos Marinos de Galicia

Estrutura da cuncha

As dous tipos de liñas que atopamos no exterior das cunchas dos bivalvos son as estrías concéntricas e as costelas radiais. Tamén poden aparecer outro tipo de ornamentación como os bulbos, tubérculos, espiñas, etc. Estes saíntes da cuncha con distintas formas, son usadas polo animal para soterrarse excavando.

Capas cuncha moluscos bivalvos manto. Fonte: Hickman
Capas da cuncha dun moluscos bivalvos. Fonte: Hickman

A cuncha dos moluscos está formada por varias capas. Non en todas as especies se pode observar unha fina capa proteica que recubre toda a cuncha por fora, esta é a capa máis esterna da cunhca que chamamos periostraco ou cutícula. É como unha funda, que lles dá, aos bivalvos que a teñen unha protección extra contra ataques químicos. Nas partes máis vellas da cuncha esta capa sole estar desgastada, pero persiste cerca do borde.

As outras capas da cuncha son: a capa prismática que lle da rixidez e está formada por prismas de carbonato cálcico e o nacar. Cando miramos a cuncha polo interior vemos unha capa anacarada que está formada por láminas de carbona cálcico.

Interior da cuncha e partes do animal

Para cerrar as cunchas, os bivalvos teñen uns músculos abdutores que están ferreamente unidos á parte interior da cuncha. Tan fortemente unidos están, que incluso despois da morte do animal se poden apreciar as impresións destes músculo que teñen forma circular ou oval.

Interior partes cuncha molusco bivalvo. Fonte: Guia de los Moluscos Marinos de Galicia
Interior da cuncha dun bivalvo. Fonte: Guia de los Moluscos Marinos de Galicia.

Nas especies con largos sifóns tamén podemos observar unha impresión muscular que ten forma curva, como de seno. Coñecemos isto como seno paleal e é producida pola fixación do músculo retractor dos sifóns. Canto máis pronunciado é o seno paleal maiores son os sifóns.

En xeral non solemos fixarnos na carne do animal para identificalo, sen embargo hai partes do animal que nos poden dar algunha información, por exemplo, é doado diferenciar entre a ameixa xaponesa, a fina e a babosa mirando os sifóns.

Claves para diferenciar as 7 especies

Cadelucha Donax truculus molusco bivalvo ameixa coquina

Cadelucha

Familia Donacidae

Nome comercial: Coquina   

Nome científico: Donax trunculus

Como a distingo: Cuncha de aspecto sólido e perfíl ovalado-triangular. Cun dos extremos redondeado e o outro apuntado. Totalmente Lisa sen costelas nen estrías. Borde con crestas nunha parte e liso noutra. Cor externa parda, blancuzca ou azulada moi brillante. Cor interna azul pálido violáceo.

Tamaño comercial: máis de 3,5 cm

Cornicha Spisula solida WoRMS molusco bivalvo ameixa
Fonte: WoRMS

Cornicha

Familia Mactridae

Nome comercial: Almeja blanca o clica

Nome científico: Spisula solida

Como a distingo: Cuncha de perfil triangular e de apariencia lisa. A dúas valvas son case simétricas e teñen aspecto sólido e cor branca. As estrías concéntricas son marcadas e un pouco máis escura. Interior da cuncha branco.

Tamaño comercial: máis de 2,5 cm

Chirla

Chirla

Familia Veneridae

Nome comercial: Chirla

Nome científico:  Chamelea striatula

Como a distingo: Esta ameixa de pequeno tamaño ten un aspecto forte. O perfil da cuncha é triangular coas liñas concéntricas da cuncha finas e marcadas. Cor blanquecino ou pardo con bandas radiais máis claras. Esta é unha especie que aínda que se pode atopar nas nosas costas a cantidade existente é moi pequena. A chirla é máis común nalgunhas zonas do mar Mediterráneo.

Tamaño comercial: máis de 2,5 cm

Carneiro Venus verrucosa molusco bivlavo ameixa

Carneiro ou carneirolo

Familia Veneridae

Nome comercial: Escupiña grabada          

Nome científico: Venus verrucosa

Como a distingo: Cuncha grande de aspecto moi duro. Con unhas costelas concéntricas moi marcadas e adornadas con tubérculos saíntes. Senopaleal pequeno e triángular. De cor parda o exterior e branco o interior.

Tamaño comercial: máis de 4 cm

Relo Dosinia exoleta molusco bivalvo ameixa

Relo, reloxo ou ameixa de can

Familia Veneridae

Nome comercial: Reloj

Nome científico: Dosinia exoleta

Como a distingo: Cuncha grande e arredondada. De aspecto moi duro con perfil redondeado. Costelas concéntricas marcadas e marxe liso. Cor branco ou crema, pode ter patróns en zigzag escuros moi variables. O interior da cuncha e branco. Nesta especie existe un tamaño mínimo e máximo de captura devido ao risco que supón a tendencia natural a acumular chumbo.

Tamaño comercial: máis de 3 cm e menos de 3,5 cm

Rabioso Glycymeris glycymeris WoRMS molusco bivalvo ameixa
Fonte: WoRMS

Rabioso

Familia Glycymerididae

Nome comercial: Almendra de mar

Nome científico: Glycymeris glycymeris

Como a distingo: De aspecto moi sólido cun perfil case circular. Con estrías concéntricas e costelas concéntricas moi finas só visibles con aumento. De cor branco e ás veces manchado irregularmente con patróns en zigzag castaño.

Tamaño comercial: máis de 4 cm

Arola lutraria lutraria WoRMS molusco bivalvo ameixa
Fonte: WoRMS

Arola, navallón ou mexarela

Familia Mactridae

Nome comercial: Arola

Nome científico: Lutraria lutraria

Como a distingo: Cuncha de perfil ovalado. Periostraco pardo e ríxido que cubre as finas estrías concéntricas. Seno paleal profundo e marxe liso. Cor branquecino.

Tamaño comercial: máis de 5 cm.

Coquina conxelada nunha superficie comercial
Coquina conxelada nunha superficie comercial

Hábitat e capturas

As costas galegas teñen unha gran diversidade de hábitats, o que fai que existan máis especies que noutros lugares próximos, fai uns días conversaba sobre isto con Juan Moreira. Así que poderemos atopar fondos de lama, area, cascallo e rocha con distinta composición química e granulométrica. Entre estas 7 especies, algunhas poden atoparse en zonas lamacentas como a arola, cornicha ou chirla, e outras son de areas máis limpas como o relo ou a cadelucha, pero todas se poden atopar no intermareal.

Noutros lugares da península ibérica e do mundo tamén se capturan estas especies, e moitas son máis coñecidas que as ameixa de Galicia. Sen dúbida as cadeluchas máis famosas son as de Andalucía. É doado atopar no mercado Coquina de Huelva ou Coquina de Cádiz, probablemente pola gran produción deste molusco nas costas andaluzas.

As capturas en Galiza destas especies é moi pequena. Con respecto ao total de moluscos bivalvos que se capturan en Galiza, estas 7 especies só supoñen o 2,5%. Como se pode ver na táboa, no 2020 non pasaron por lonxa nin un só quilo de chirla nin arola. Estas dúas especies poden atoparse nas costas galegas pero non son moi abundantes, polo que podemos atopalas pero non son habituais.

Taboa capturas Parecidos ameixas 2020
Táboa de capturas no 2020. Fonte: Pescgadegalicia.gal

Máis información

Pescadegalicia.gal

Guia de los moluscos marinos de Galicia

Hickman, C. P.; Ober, W. C. & Garrison, C. W. (2006): Principios integrales de zoología, 13ª edición. Madrid: McGraw-Hill-Interamericana.