segunda-feira, 23 de novembro de 2020

LANCELOT EN CEDEIRA

Nicholas Clay como Lancelot no filme Excalibur de John Boorman (1981)

 

-Sseñor, conoçedes uos algũus caualeyros de casa de Rrey Artur? 
-Ssi, disso ele. 
-Et conoçedes uos -disserõ eles- Dom Lançarote do Lago? 
-Ssi -disso ele-, aquele conosco eu bem. 
-Ay, por Deus! -disso Keya Destrauz- poys uos Dom Lançarote conoçedes tãto, me dizede, se uos prouguer, sse o uistes em esta terra, ca nos disso hũu caualleyro, nõ ha aynda IIIIo dias, que o viu y. 
(Livro de Tristam, século XIII). 
 
 
Hai agora algo máis dun ano, no decurso da nosa viaxe á Bretaña, achegámonos á vila de Paimpont. Como suporedes, a nosa intención era visitar a floresta de Broceliande, ese verdadeiro parque temático dos mitos artúricos, e máis en concreto a "Faia de Ponthus", a árbore vinculada ao príncipe galego que, conforme á lenda, fundou e deu nome á localidade (e é que Paimpont, ou Pempont en bretón, non significa outra cousa que 'o castelo ou fortaleza de Ponthus'... mais diso habemos de falar en breve, perdede coidado).  
 
Foi entón que reparamos nun cartaz situado á entrada de Paimpont, que informaba do irmandamento desta vila coa de Cedeira, na Galiza. Nun primeiro momento non lle demos especial importancia, para alén do anecdótico (no fin das contas, son varias as localidades galegas irmadnadas con outras tantas vilas e cidades bretoas: Ribadeo e Loctudy, Sarria e Guerlédan etc.), mais non demoramos moito a perguntarnos por que fora precisamente Cedeira a escollida para tal iniciativa.  A resposta estaba, como ficamos a saber case por acaso de alí a algúns días días, no imaxinario artúrico, e máis en concreto nun dos seus personaxes máis ubicuos: o cabaleiro Lancelot, ou máis concretamente Lancelot du Lac. Lanzarote do Lago, en definitiva. E este dato (o do sobrenome do cabaleiro) ten toda a relevancia do mundo para o tema que nos ocupa. Mais para iso temos de mergullar no fascinante mundo das xenealoxías familiares, así como das mitoloxías que, a pouco que focemos, podemos descobrir por tras delas.
 
 E é que, efectivamente, foi en terras do actual concello de Cedeira onde tivo o seu soar a familia Lago, unha liñaxe que se orgullaba de descender directamente do malfadado cabaleiro Lancelot. Segundo a lenda, este personaxe recalou no porto de Cedeira procedente da Bretaña (talvez, en opinión de algúns, fuxindo das consecuencias ben coñecidas e por tantos autores glosadas dos seus amoríos coa raíña Xenebra). Ademais, Lancelot viña acompañado dun enorme can mouro, un animal prodixioso que, malia o seu aspecto feroz que tanto intimidaba os viciños do lugar, se mostraba totalmente manso e dócil co seu amo. Deste besta pouco máis se sabe; mais sabemos si que Lancelot resolveu estabelecerse naquelas terras do norte da Galiza e fundar nelas a liñaxe que veu a herdar o seu apelido: os Lago. E así o lemos nun manuscrito do século XVI conservado na Biblioteca Nacional española: 
Los de Lago son hidalgos muy principales en el reino de Galicia, donde tienen su casa y solar hacia Cedeira. El linaje desciende de un extranjero que vino allá a parar, y se dice que fue el Conde de Lanzarote cuando vino de Bretania y pobló en el puerto de Cedeira.
Un texto que, a propósito, aparece reproducido nunha placa que podedes ver mesmo á porta da casa consistorial de Cedeira. Neste sentido, cómpre lembrar que o concello cedeirés (que botou a andar o irmandamento con Paimpont en 1995, a raíz dunha visita á vila por parte da sociedade dos Amis du Chevalier Ponthus) chegou en tempos a organizar unha feira que, sob o nome "Terras de Lancelot", visaba festexar o particular vínculo do máis famoso cabaleiro da Mesa Redonda coa bisbarra  do Ortegal. 
 
Ora ben, nesta lenda heráldica, malia a súa brevidade, chamáronnos a atención algúns aspectos que a conectan non soamente coa mitoloxía artúrica (na súa reelaboración literaria medieval, xurdida do maxín de Chrétien de Troyes), senón tamén con vellos arquetipos que, dito sexa de pasaxe, non sorprenden moito nun texto coma esta, construído co obxectivo de lexitimar o poder dunha familia conferíndolle unhas orixes sobrenaturais. E, deste xeito, non admira que o heroe fundador, o devanceiro mítico da raza, proveña do outro lado do mar, que en mitoloxía popular celto-atlántica é un sinónimo do Alén, do Outro Mundo. Neste sentido, cando ficamos a coñecer a historia de Lancelot e Cedeira véusenos inmediatamente á cabeza a de Jaun Zuria, primeiro señor de Biscaia, cuxa nai tamén chegou do outro lado do mar (da Escocia, conforme ás versións medievais da lenda) para dar a luz o seu fillo na vila de Mundaka. Pero aínda hai máis. Por se fose pouco, Lancelot non chega só, senón que trae canda el un animal que, pola súa descrición, non pode menos que relembrarnos o Urco, ese can infernal que habita no Borrón (unha das máis fermosas denominacións que deu a cultura galega para ese país de sombras indefinidas que é o Alén) e que no nosos folclore gostamos de imaxinar, feroz e temíbel, a emerxir das augas do mar. 
 
O Urco / Fonte: Mundo Oculto

  
En fin, que con estes ingredientes abondaban tan só unhas pinguiñas do prestixio de que gozaba a materia bretoa na cultura galego-portuguesa medieval para obtermos unha fermosa lenda heráldica, que (estamos a ver) insinúa máis do que conta. E que, aínda por riba, transcorre nun territorio que, co tempo, viría a tornarse especialmente fecundo para o tema artúrico a través da imaxinación de algún dos nosos mellores literatos contemporáneos. Ou é que imos esquecer que Álvaro Cunqueiro, talvez compadecido da soidade de don Lancelot, acabou por facer morar a dona Xenebra e a don Merlín na moi mesta e feliz selva de Esmelle? Vaia, que se Lancelot non ía visitalos era porque non quería...
 

Sem comentários:

Enviar um comentário