domingo, 11 de abril de 2021

Pan de hamburguesa de espelta integral

Bo día, bolboreteir@s! Como estamos??? Hoxe traemos unha parte dunha receita que terá continuación no próximo día. Un deses pratos proveitosos para calquera. Non é común encontrar rexeitamento ás hamburguesas.

Alén diso, estamos ante un alimento que permite un abano inmenso desde a maior das simplezas até grandes complexidades. E despois está o pan da hamburguesa. E vaia, como o exterior pode cambiar toda a receita. Nós a verdade é que somos moito máis de pan de boliños (real) que do pan tipo molde aínda que é certo que cos primeiros ás veces custa acabalas. Claro, ese pan real pesa, hehe. 

Pois ben, aquí probamos unha nova variante de pan para as hamburguesas, nas que cambiamos a fariña de trigo pola espelta integral mais non só. Hai algunha sorpresa máis.



Pan de hamburguesa de espelta integral



Ingredientes:

  • 370 g de espelta integral
  • 150 ml de leite
  • 15 ml de aceite             
  • 1 ovo, mais outro para pintar
  • 2 dátiles
  • 1 sobre de lévedo de panadaría
  • Un chisco de sal
  • Sésamo



Utensilios: unha bandexa de forno con papel vexetal, unha cunca grande, unha pequena, unha amasadora, un pano, un pincel e unha culler.



Elaboración:

Para comezarmos, temos que remollar os dátiles no leite. Quentamos para que se atempere e batemos. 


Cando o leite estea morno, engadimos o lévedo, mesturamos e reservamos uns minutos. 


Nunha cunca grande, botamos a fariña, o aceite, o chisco de sal, o ovo batido e a mestura do leite cos dátiles e o lévedo. 


Amasamos até obter unha masa homoxénea. Tapamos e reservamos até que duplique o seu tamaño, aproximadamente 60-90 minutos. 


Pasado ese tempo, dividimos a masa en 4 e farmos catro círculos, de 2 cm de grosor. E deixamos repousar 30 min máis. 


De seguir, pintamos o pan con máis ovo e empoamos co sésamo. Enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 10 minutos.  


E xa estarían listos para comer!


Reservade algún pan que a próxima receita vai ser unha hamburguesa deliciosa ;). Avisados quedades! Forte aperta, bolboreteir@s!


Ningún comentario:

Publicar un comentario