Spotify proba un dispositivo para facilitar o seu uso no automóbil

mércores, 14 de abril do 2021 Marcus Fernández

Conscientes do elevado uso que se fai de Spotify no automóbil, a plataforma de streaming musical está a ofrecer a un grupo reducido de usuarios nos EE.UU. un dispositivo chamado Car Thing, que facilita a reprodución musical dun xeito máis áxil e cómodo mentres imos en coche, para o que este trebello opta por diferentes sistemas de control: a voz, a pantalla táctil ou mandos físicos.
Con este trebello os usuarios poden utilizar un asistente de voz para solicitar o que queren escoitar a través de Spotify; poden empregar a súa pantalla táctil para ver o que se está a reproducir e navegar polos contidos; e incluso poden facer uso de elementos físicos (algo moi práctico para non perder de vista a estrada) como un dial para moverse entre os contidos e 4 botóns preconfigurables que serven de atallos para os contidos preferidos.
O Car Thing só pode conseguirse mediante invitación e precisa de conexións a Internet a través do móbil para funcionar. Dende Spotify aseguran que non pretenden competir cos sistemas de audio no automóbil, senón simplemente complementalos, e aínda que este dispositivo é actualmente de balde para subscritores de Spotify, pretenden comercializalo a un prezo de 79,99 dólares.

PUBLICIDADE