Divulgación Publicacións

Que acontece coas lagoas costeiras en Galicia?

As lagoas costeiras son ecosistemas fundamentais e moi fráxiles polo que a súa protección e xestión son tarefas fundamentais para a sociedade. Neste contexto vimos de publicar unha investigación en Applied Science na que afondamos en catro lagoas galegas, queres saber o que descubrimos?
 

Un dos principais problemas que existen para poder xestionar estas zonas é a definición dos ecosistemas que aparecen nestes. A clasificación que se emprega na Rede Natura 2000 presenta múltiples deficiencias con categorías que non aparecen nestas zonas e a superposición de outras que non son compatíbeis. Boa mostra disto é a definición de lagoas como a de Bodeira como lagoon, unha lagoa costeira salgada, e a súa vez como lagoa eutrófica, que faría referencia a unha lagoa de auga doce, pero a auga destes sectores non pode ser salgada e doce ao mesmo tempo.

No caso da maioría das lagoas costeiras galegas tamén nos atopamos cun problema engadido que é un avanzado proceso de eutrofización, pero, que é isto? Basicamente fai referencia aos ambientes nos que os valores de nutrientes son moi altos, o que produce a proliferación de algas e a diminución da biodiversidade destas zonas. Este proceso é moi preocupante para o funcionamento destas lagoas no futuro, polo que se se quere conservar o comportamento destes ecosistemas sería preciso levar a cabo iniciativas para tratar de mellorar o funcionamento dos sistemas acuáticos.

A perda destas zonas viría parella a multitude de problemáticas nestes sectores, como é a perda de especies tanto vexetais como animais, que terán que buscar outros lugares máis aptos para o seu desenvolvemento. Isto repercutiría negativamente en ambientes como os analizados xa que perderían boa parte das características que os levaron a ser declarados como zonas protexidas.

A gran pregunta sería: Como xestionamos estas zonas? Pois non é nada sinxelo, como sempre no campo das ciencias naturais existen múltiples factores cuxa relación marca a evolución das lagoas e a súa contorna, polo que calquera actuación que se leve a cabo pode ter consecuencias positivas e negativas. O que si está claro é que se queremos mellorar o seu estado é preciso investigalas en detalle, para poder saber como están mudando e tratar de minguar os problemas que se lle presenten no futuro.

Este mesmo tema tratámolo fai unhas semanas no programa Vivir o mar da TVG. Podedelo ver aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

This site is protected by reCAPTCHA and the Google Privacy Policy and Terms of Service apply.