As Oculus Quest recibirán un xogo de Puzzle Bobble

venres, 16 de abril do 2021 Marcus Fernández

Para os seareiros de Bub e Bob hai boas novas: o regreso de Puzzle Bobble e, desta volta, en realidade virtual! O vindeiro 20 de maio chegará a Oculus Quest o xogo Puzzle Bobble VR: Vacation Odyssey, que permite xogar ao clásico xogo das bólas en primeira persoa, o que pode lembrarnos á incursión dos Angry Birds na VR.
Este novo xogo está a ser desenvolvido por Survios e ofrecerá un cento de niveis no modo historia, nos que haberá que facer o mesmo que no xogo de recreativa: xuntar bólas da mesma cor para facelas esbourar.
Pero non só poderemos superar eses niveis, senón que conseguiremos unha puntuación en cada un, de xeito que son moi rexogables até conseguir unha puntuación perfecta.
Tamén é posible xogar a este Puzzle Bobble nun modo infinito e incluso poderemos enfrontarnos a outros xogadores en liña.
Aparte dos personaxes, Puzzle Bobble VR: Vacation Odyssey tamén incluirá a música orixinal de Puzzle Bobble, xunto con temas compostos para a ocasión.

Tráiler do xogo

PUBLICIDADE