Actualidade Sony recúa e non pechará a PlayStation Store de PS3 nin PS Vita

Sony recúa e non pechará a PlayStation Store de PS3 nin PS Vita

Vitoria, ou algún outro termo similar, é o que poden hoxe gritar os miles de usuarios que protestaron ao longo das últimas semanas pola decisión de Sony de pechar PlayStation Store en PS3 e PS Vita. A compañía xaponesa mudou de opinión e lanzou un comunicado no que explica que seguirá sendo posible adquirir xogos nos dous sistemas.

A través dun comunicado no seu blogue oficial, Jim Ryan ofreceu as seguintes palabras:

Hai pouco notificamoslles aos xogadores que estaba previsto que PlayStation Store para dispositivos PS3 e PS Vita deixase de funcionar este verán. 

Con todo, despois de reflexionar, está claro que tomamos a decisión equivocada. Así que hoxe compráceme dicir que manteremos o funcionamento de PlayStation Store para o dispositivos PS3 e PS Vita. A funcionalidade de comercio de PSP retirarase o 2 de xullo de 2021, como estaba previsto. 

Cando tomamos a decisión de poñer fin á compatibilidade coas compras para PS3 e PS Vita, foi por mor dunha serie de factores, entre os que se atopaban os problemas de compatibilidade co comercio para os dispositivos máis antigos e a posibilidade de centrar máis os nosos recursos nos dispositivos máis novos, nos que xogan a maioría dos nosos xogadores. Agora vemos que moitos de vós estades incriblemente apaixonados por poder seguir comprando xogos clásicos en PS3 e PS Vita no futuro inmediato, así que é unha alegría saber que puidemos atopar unha solución para seguir operando.

Alégrame que podamos manter viva esta parte da nosa historia para que os xogadores gocen dela, namentres seguimos creando novos mundos de xogo de vangarda para PS4, PS5 e a próxima xeración de VR.

Grazas por compartir os teus comentarios connosco: sempre escoitamos e apreciamos o apoio da nosa comunidade PlayStation.

Así é, se liches o comunicado, verás que PSP non se salva, polo que a portátil si verá como o 2 de xullo a súa tenda virtual queda anulada.

Nun xiro dos acontecementos pouco habitual na industria, os usuarios poderán seguir tendo a posibilidade de comprar títulos clásicos en PS3 e PS Vita, o que tamén permitirá seguir mantendo viva a chama para que algúns creadores publiquen algún que outro xogo novo aí —no caso de PS Vita é un asunto que se dá cada certo tempo—.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.