O xogo na nube de Xbox inicia as súas probas en navegadores web

luns, 19 de abril do 2021 Marcus Fernández

A través do Project xCloud abriuse a posibilidade de que smartphones e tabletas con Android puidesen aproveitar a nube para correr xogos de consola mediante streaming, e dende Microsoft anuncian agora que mañá mesmo vai iniciar a beta limitada do xogo na nube para navegadores Chrome e Edge para ordenadores con Windows 10 e para Safari en smartphones e tabletas de Apple.
Estas probas desenvolveranse mediante invitación a algúns subscritores de Xbox Game Pass Ultimate, buscando así probar, aprender e mellorar a experiencia de uso grazas á resposta dos participantes na beta, que irán incrementándose paulatinamente até chegar en breve á totalidade de usuarios de Xbox Game Pass Ultimate.
O servizo permite xogar na nube a máis dun cento de videoxogos, que poden empregarse todos mediante mandos Bluetooth e USB, aínda que máis de 50 títulos contan tamén coa posibilidade de xogarse mediante controis virtuais en pantalla.
Os usuarios que participen na beta poderán visitar xbox.com/play dende o seu navegador web para gozar da experiencia do xogo na nube de Xbox, artificio que serve para que ordenadores persoais e dispositivos de Apple gocen dunha experiencia de xogo na nube satisfactoria sen a necesidade dunha aplicación tradicional instalada e podendo así superar os atrancos que pon Apple a aplicacións que poidan facilitar o acceso a varios xogos.

PUBLICIDADE