Actualidade Unha petición para crear Days Gone 2 supera xa as 50.000 firmas logo da polémica co seu director

Unha petición para crear Days Gone 2 supera xa as 50.000 firmas logo da polémica co seu director

Malia levar un tempo sen falarmos de Days Gone por estas terras, é certo que houbo unha polémica recente co título de Bend Studio. Despois de que Sony comentara que non tiña dentro dos seus plans realizar unha secuela do título de zombis, que rexeitara o proxecto e que o estudio responsable se centraría nun novo Uncharted baixo a batuta de Naughty Dog, o director John Garvin quixo ter o luxo de soltar un par de perlas no podcast de David Jaffe.

Garvin comentou que para Sony as notas de Metacritic eran como unha especie de reliquia sacra á hora de tomar decisións, polo que unha baixa puntuación nesta páxina pode dilapidar calquera proxecto. Sexa como for, o director de Days Gone tamén se queixou de que os usuarios non merquen os título de saída, a prezo completo, feito que facilita moito as cousas no que se refire a beneficios e economía interna.

Si, a unha gran maioría de usuarios non lles prestaron demasiado estas palabras, polo que as redes sociais cumpriron o seu papel e amosaron miles de comentarios e opinións sobre este asunto e sobre Garvin. Porén, Jeff Ross, outro dos directores da obra orixinal, desvinculouse das palabras do seu socio e animou a todo aquel que queira unha segunda parte do xogo de zombis a asinar una petición en Change.org para que Sony mude de opinión.

Se ben moitos usuarios comentaron que non asinarían despois das declaracións de Garvin, xa foron recollidas máis de 53.000 firmas, polo que quizais, nalgún momento, a xente de PlayStation ou Sony decida comprobar se ese apoio é real ou se paga realmente a pena darlle unha segunda oportunidade a Days Gone.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.