fbpx
CulturaGaliciaNovas

Galicia conmemora o centenario de Emilia Pardo Bazán con máis de 40 actividades

Galicia impulsará este ano unha programación extensa, variada e plural para conmemorar o centenario de Emilia Pardo Bazán con máis de 40 actividades que terán como acto central a exposición Emilia Pardo Bazán. O reto da modernidade. Trátase da mostra levada a cabo pola Xunta, a Biblioteca Nacional de España (BNE), Acción Cultural Española (AC/E) e a Comunidad de Madrid en colaboración coa Real Academia Galega (RAG) e o Concello de Coruña que se exhibirá na Coruña do 22 de outubro ao 18 de decembro tras o seu paso por Madrid e que reunirá máis de 200 pezas entre manuscritos, libros impresos, gravados e fotografía, entre outros.

Así o explicou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nun acto no que tamén interviron de xeito presencial ou por videoconferencia representantes das institucións participantes Trátase dunha programación que nace da implicación e compromiso de máis dunha trintena de institucións e entidades de Galicia, do resto de España e de Estados Unidos que colaboran na posta en marcha das actividades para pór en valor a figura de escritora durante este ano.

“Estamos, sen dúbida, ante unha das mellores escritoras da literatura española. Por iso, desde a Xunta en colaboración con numerosas institucións despregamos unha ampla programación que nos permitirá dar a coñecer na súa xusta dimensión a figura polifacética desta gran escritora galega”, expresou Román Rodríguez.

Novelista, ensaísta, xornalista, poeta, dramaturga, tradutora, editora e profesora, Emilia Pardo Bazán (A Coruña, 1851 – Madrid, 1921) foi quen de retratar sen prexuízos a realidade social de España en obras como Los Pazos de Ulloa, La madre naturaleza ou La cuestión palpitante.

Comisariada pola catedrática de Historia Contemporánea da Universidade de Valencia e Premio Nacional de Historia, Isabel Burdiel, a exposición Emilia Pardo Bazán. O reto da modernidade rende homenaxe a unha muller adiantada ao seu tempo, que participou en actividades, debates e tarefas intelectuais e literarias naquel momento reservadas para homes, ademais de ser unha firme defensora da educación da muller. A súa vinculación coa cidade da Coruña, na que naceu, levou á Xunta a elixila como sede da exposición no territorio galego en colaboración co concello e previamente poderá visitarse na Biblioteca Nacional de España do 9 de xuño ao 26 de setembro.

Incluirá materiais procedentes de diversos lugares do territorio do Estado e, ademais da BNE, colaboran na achega dos fondos 19 particulares e entidades como a Real Academia Galega, Sargadelos, o Museo Nacional do Teatro de Almagro, o Museo do Romanticismo, a Real Academia Española ou o Ateneo Científico, Literario e Artístico de Madrid, entre outras. Trátase, expresou o representante de Cultura da Xunta, dunha exposición clave que integra a programación coa que Galicia “visibilizará o carácter pioneiro da escritora no eido do feminismo, xornalismo ou a historia”.

Mostras itinerantes, congresos e divulgación da súa obra 

Xunto a esta exposición, as conmemoracións incluirán catro mostras máis como Cen anos sen Emilia, unha acción de rúa que itinerará por Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo de xuño a setembro para divulgar a súa obra ou a que se poderá ver no Museo de Belas Artes da Coruña en outono con obxectos doados pola súa familia que pertenceron á escritora como manuscritos do século XIII, retratos do século XVIII e XIX, así como varias pezas artísticaos e decorativas datadas entre os séculos XIII e XIX  como tapices, alfaias, misais, escribanías, entre outros.

En novembro, a Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, porá en valor o traballo da autora, cunha escolma bibliográfica das súas pezas máis senlleiras e representativas. Estas exposicións súmanse á xa celebrada en colaboración co Ateneo de Santiago e a Universidade de Santiago para analizar a pegada de Pardo Bazán na cidade de Santiago. A mostra ‘Dona Emilia e Compostela’ pode visitarse ata o 24 de abril no Salón do Artesoado e Capela de Fonseca, na capital galega.

O centenario tamén incluirá dous congresos internacionais en colaboración coas tres universidades galegas. Trátase de Emilia Pardo Bazán no seu Centenario: Literatura e vida nos séculos XIX, XX e XXI, organizado pola Universidade da Coruña e a Fundación Barrié, que se celebrará en setembro, e Emilia Pardo Bazán, cen anos despois, co apoio específico da RAG e o Consello da Cultura Galega, así como outras entidades internacionais como o  Brooklyn College da City University of New York e que está programado para outubro en Coruña e Compostela. No marco da efeméride, a Xunta tamén edita este ano varias publicacións de distinta natureza e alcance e colabora coa Editorial Galaxia ou a Asociación de Prensa da Coruña para outras edicións.

Ademais, levaranse a cabo máis dunha trintena de actividades de difusión en redes, nos arquivos e na rede de bibliotecas públicas que achegarán a figura da intelectual a todos os públicos. Incluiranse accións orientadas aos máis novos como contacontos ou obradoiros de ilustración e formatos como faladoiros destinados a público especialista.

Román Rodríguez recordou tamén que se emprenderá un importante traballo de divulgación e promoción da súa obra nas plataformas dixitais. Así, lanzarase un novo micrositio con 85 das súas obras dixitalizadas o que supón que se porá a disposición do público unhas 1.700 páxinas das obras da autora. Estará dispoñible desde o mes de maio e poderá consultarse en Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia. A Biblioteca de Galicia tamén editará 17 publicacións dixitais inéditas ata o momento, convertidas en formato libro electrónico e que non estaban dispoñibles en ningunha institución española.