📦 Cineclube na casa #10: Open Memory Box. Filmes domésticos da RDA

Open Memory Box: 415 Stunden Privatvideos aus der DDR sind online |  Nordkurier.de


“A maioría da xente do Oeste non tiña moito interese na RDA, e por que ían tela? A RDA, Polonia, Rusia… para moitos eran unha única cousa”, di Barbara Langerwisch, unha profesora retirada de Berlín Leste, sobre a década que seguiu a caída do Muro e o colapso do país no que vivira os primeiros corenta anos da súa vida. É un sentimento co que Jürgen Danyel, un investigador histórico e paisano berlinés do leste, está de acordo. “Os do Oeste sentían que coñecían a historia, e era incómodo para min falar sobre a miña propia vida normal na ditadura. É parte da supresión psicolóxica que sucedeu. Para min é moito máis difícil falar sobre a miña infancia, a miña vida e a miña carreira na RDA do que lle sucede á xente do Oeste.

Narrativas Stasi-céntricas

Logo do wende [o proceso de transición da República Democrática Alemá ao liberalismo, previo á reunificación de Alemaña], o discurso público estaba (comprensiblemente) dominado pola ditadura do réxime. Os primeiros museos que apareceron querían documentar as súas operacións políticas nas propias ubicacións onde o Estado de partido único operara: o cuartel xeral da Stasi en Lichtenberg tornou en museo en 1990, e a prisión da Stasi Hohenschönhausen imitouna en 1994. Non foi ata 2006 que o museo da DDR en Mitte abriu as súas portas cunha nova promesa: “A vida cotiá, o Muro e a Stasi! Todo baixo o mesmo teito!”, expoñendo caixas rexistradoras e Trabis [Trabants, os coches máis populares da RDA] ao lado da réplica a tamaño real dunha cela de prisión da RDA. Seis anos despois, o Kulturbrauerei Museum abriu cunha exposición permanente supostamente dedicada á “vida cotiá” na RDA. Pero o museo non escapou a tentación de encadrar as pezas en termos políticos: dicíase dun par de botas altas de ante con puntilla que foran “tipicamente utilizadas por ‘marxinados’ que a Stasi consideraba ‘inimigos do Estado'”. Pero Heike, unha ossi [habitante da RDA] de 53 anos que lembra con agarimo os seus propios pares de “trampers”, como chamaban ás botas, non está de acordo co texto da exposición: “Non era unha marxinada nin unha inimiga do Estado. Era unha rapaza de quince anos que quería ser guai! Estaban de moda entre a mocidade. Levabámolas con vaqueiros rotos ou parcheados e unha camisa de raias con botóns ata abaixo”. (…)

“Estaba realmente sorprendido de que, tantos anos despois do wende, as relacións entre Leste e Oeste estiveran aínda bastante polarizadas”, lembra Alberto Herskovits, que medrou en Berlín Oeste. No ano da reunificación Herskovits fixera un filme sobre unha pequena vila da RDA. Logo de vivir en Suecia durante vinte anos, volveu en 2011 para facer unha secuela. Pero quedou sorprendido: os ossis eran reticentes a falar sobre a súa experiencia na RDA. “Penso que estaban cansos de ser estereotipados. Ao longo das décadas, todo o relato sobre o Leste era o mesmo. A Stasi, o control, o muro, a fronteira. A falta de liberdade, todo isto”. Así que decidiu tomar a historia nas súas mans e iniciou o proxecto Open Memory Box: Un “Anti-Arquivo” en liña, onde coleccionaría metraxe en 8mm filmada pola propia xente da Alemaña do Leste. (…)”

[Tirado de “Ossi life beyond the Stasi“, artigo de Kevin Caners no Exberliner do 7 de xaneiro de 2020]


Mércores 28 de abril ás 21:30 no Instagram do Cineclube de Compostela
Open Memory Box: filmes domésticos da RDA
Coa presenza de Laura Reboredo Raposo, arquivista da biblioteca da Filmuniversität Babelsberg Konrad Wolf

Instrucións:
1. Podes entrar en Open Memory Box no seguinte enlace: https://open-memory-box.de/
2. Nunha primeira pantalla, deberás escoller a lingua: alemán, inglés, francés ou ruso.
3. Nesa mesma pantalla, podes escoller entre tres maneiras de navegar o arquivo:

Anti-archive: na parte inferior da pantalla aparecen unha serie de temáticas (desde animais a baile ou matrimonio). Ao escoller unha delas, a web ofrecerá un clip composto por fragmentos de dous segundos de filmes con esa temática. No caso de querer ver algún deses filmes completos, pódese pulsar no botón “roll” na parte dereita. Unha vez nese rolo, o botón da dereita (“box”) permite acceder á caixa con todas as filmacións aportadas por unha mesma persoa.

Archive: neste caso, a web ofrécenos un buscador no que podemos introducir palabras clave para procurar filmes específicos pola súa temática, ubicación… ou tamén a posibilidade de navegar o catálogo por décadas.

Stories: estas historias son oito curtametraxes producidas a partir dos fondos do arquivo.

Deixar un comentario