Bico receita: pizzaflor

Hoxe tráiovos a primeira bico receita en colaboración con Bico de Grao! En máis dunha ocasión téñovos dito que é unha das miñas tendas preferidas de Lugo, non só polo trato das súas tres socias, senón polo espazo comunitario que conseguiron crear e polos valores que transmiten. O seu proxecto ofrece alternativas sustentables en todas as súas vertentes e nesta ocasión teño a inmensa sorte de poder cociñar cos seus produtos ecolóxicos. Convídovos a pasarvos pola súa tenda e a preparar esta bico receita chea de verduras e cousas ricas. A cociñaaaar! 👩🍳

🌱🌾 Todos os ingredientes son ecolóxicos e da tenda Bico de Grao.

Ingredeintes para a base
🔸 400 g de coliflor
🔸 2 ovos
🔸 30 g de queixo relado
🔸 1 cullerada de ourego
🔸 1 cullerada de tomiño
🔸 Sal
🔸 Salsa de tomate

Ingredientes para pór por riba da base (eu puxen estes, mais ti podes poñer os que máis che gusten):
🔸 Tomates
🔸 Champiñóns
🔸 Mozzarela
🔸 Queixo relado

Podedes falar coas rapazas de Bico de Grao a través da súa conta de Intagram ou Facebook e decirlles que ides facer esta receita e teránvos preparados todos os ingredientes para que non se vos esqueza ningún.

👉 Preparación:⁠

  1. Para facermos a base, o primeiro que temos que facer é preparar un cuscús de coliflor, isto é, picar a coliflor moi fina con axuda dun procesador de alimentos. Unha vez que teñamos o cuscús de coliflor, engadímoslle os ovos, o queixo relado, o ourego, o tomiño e o sal, e mesturamos todo ben.
  2. A seguir, estendemos a mestura sobre papel de forno dándolle forma circular e esmagando ben a mestura para que nos quede unha base finiña.
  3. Poñemos o forno a 200ºC e enfornamos a base de coliflor uns 15 minutos.
  4. Canto a base estea dourada, sacámola do forno e cubrimos a súa superficie con salsa de tomate. Despois, engadimos o resto dos ingredientes e, por último, o queixo relado.
  5. Enfornamos de novo outros 15 minutos a 180ºC e listo. Bo proveito! 😉

🍊 Se fas esta receita, non esquezas etiquetarnos e partillala co cancelo #medialaranxa !!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario