Videoxogo.gal, MUVI e Devuego xuntan forzas para visualizar online a puxante industria galega
venres, 7 de maio do 2021
A
asociación Videoxogo.gal
(Asociación Galega de Videoxogos) e a Fundación
Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI) emitiron un comunicado
conxunto no que informan do seu compromiso para “apoiar e manter a
iniciativa de DeVuego de crear unha listaxe unificada que amosa
información específica sobre o sector do videoxogo en Galicia”.
Esta novidade, sinalan, permitirá abordar, visibilizar e divulgar a
realidade da industria galega deste sector.
Segundo
explican, DeVuego é a maior base de datos do sector a nivel estatal
amais dunha referencia en contidos sobre a industria do videoxogo de
toda España, actualizada de xeito constante polos propios creadores
a través do seu sistema de xestión de contidos. A gran novidade,
engaden, é que a partir de agora, DeVuego_GAL
filtra os datos da base de datos central de DeVuego para “amosar só
información sobre o videoxogo en Galicia”, e ademais “co
engadido de facelo en galego”.
Esta
iniciativa nace grazas ao esforzo de Yova Turnes, o creador de
DeVuego, e como resultado da necesidade de que este sector
profesional poida contar cunha guía de referencia para títulos,
proxectos, empresas e información sobre outras persoas que teñan
como común denominador a industria do videoxogo. A medida viría a
encher o baleiro que outras plataformas ou RRSS xenéricas non darían
enchido no ámbito divulgativo, como por exemplo LinkedIn ou as
páxinas empresariais particulares.
Unha
ducia de empresas punteiras
No
Libro Branco do Desenvolvemento de Videoxogos en Galicia
especifícase que a industria na nosa comunidade está constituída
por 11 empresas, ademais de 13 estudios con proxectos en
desenvolvemento á espera de constituírse como entidade legal. No
seu conxunto, esta industria facturou en 2018 1,9 millóns de euros e
deu emprego a 80 profesionais de forma directa.
Conclusións
Segundo
conclúen Videoxogo.gal e o MUVI, “a industria segue a medrar,
agora coa necesidade de coñecerse a si mesma por vontade
dinamizadora e empresarial, e ao mesmo tempo cultural. Como foi e
como é a industria galega do videoxogo, é unha pregunta que
DeVuego, Videoxogo.gal e a Fundación MUVI aspiran dar resposta a
través deste punto de partida común”.
Nas
súas palabras, “o sector do videoxogo galego, a través da súa
asociación de empresas, apunta ao presente e ao futuro, recoñecendo
e reflectíndose nunha base de datos que a representa, por ser á súa
vez tanto un consenso social entre os creadores como un motivo para
animar aos novos creadores a rexistrar as súas obras, sexan da
índole que sexan, na plataforma”.
A
Fundación Museo do Videoxogo de Galicia remarca a importancia da
sección de DeVuego como “unha das fontes de información das que
beberá, entre outras, para recoller información, desenvolver as
súas actividades e exposicións, e sobre todo integrar na súa
colección permanente, segundo o contexto, as obras de tódolos
creadores galegos”.