Actualidade Resident Evil Village convértese no mellor lanzamento para PC da saga

Resident Evil Village convértese no mellor lanzamento para PC da saga

O último Resident Evil, coñecido co título Village, xa é a mellor estrea para PC de toda a saga. A través da información achegada por SteamDB, é posible ver como nas súas primeiras 24 horas o xogo de Capcom chegou a ter un pico de 101.726 xogadores simultáneos. Trátase dunha cifra moi superior ás anteriores entregas publicadas, as revisións de Resident Evil 2 e Resident Evil 3 (74.277 e 60.293 xogadores, respectivamente).

Amais das cifras que deixa en Steam, teríamos de engadir as logradas en Twitch durante toda a fin de semana, plataforma na que contou con máis de 200.000 espectadores. As cifras de vendas en consolas aínda son descoñecidas, pero é innegable o bo estado de forma co que a franquía recibe e celebra o seu vixésimo quinto aniversario.

Este luns, 10 de maio, tan só uns días despois da súa estrea, Village xa ten máis de 11 mil recensións positivas en Steam.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.