VinGroup pecha a súa división móbil, logo de ter absorvido BQ

Hai unhas semanas LG anunciou o peche da súa división móbil, tras acusar perdas millonarias ao non ser quen de competir no mercado cada vez máis caníbal dos dispositivos móbiles, e agora faino a vietnamita VinGroup, precisamente unha das compañías que amosara o seu interese en facerse con esa división móbil de LG.

Porén, VinGroup é máis coñecida no noso país por ser a multinacional que adquiriu a marca española BQ, e que tras poñer punto e final a esta centrou todo o seu esforzo nunha nova marca propia, VSmart, nutrida das patentes, deseños e enxeñaría de BQ.

Por sorpresa, o fabricante vén de anunciar o cese da súa actividade no mercado do móbil, mais tamén no dos televisores, para centrarse no dos vehículos eléctricos a través da marca VinFast, e na fabricación de produtos para outras empresas. Isto supón o peche definitivo da súa marca VSmart, e en consecuencia, o punto e final definitivo a BQ.

En calquera caso, e ao igual ca LG, VSmart continuará a dar soporte e garantía, e tamén co ensambaldo de compoñentes até que se agote a vida útil dos produtos.

Sobre o autor

Reply