Actualidade Bitsommar, un encontro para amantes dos videoxogos en Senderiz

Bitsommar, un encontro para amantes dos videoxogos en Senderiz

Hai apenas uns días foi presentada a iniciativa Bitsommar, «un encontro de profesionais e aficionades ao videoxogo onde aprender, ensinar e divertirse durante unha semana nun enclave idílico» tal e como explican os seus responsables.

Celebrarase entre o 2 e o 9 de xullo en Senderiz, Ourense, grazas ao traballo conxunto do estudio Monsterspit, Ludipe, o medio especializado en títulos independentes Nivel Oculto, Beerworking, Weird Market e Sende, o espazo coworking e coliving localizado nesta aldea ourensá.

O obxectivo do encontro é reunir a persoas do sector, afeccionados ou profesionais, «lonxe dos lugares aos que adoitamos relacionar o videoxogo», propiciando unha cita dunha semana na que gozar de diferentes actividades namentres son compartidas ideas, proxectos e puntos de vista dun medio como é o videoxogo.

Na páxina web de Bitsommar está toda a información ben clara e definida. Estás interesado? Só tes que visitala e ver a programación para cada día, amais de coñecer un pouco máis os involucrados no proxecto e as súas ideas. Doutra banda, tamén podes comprar a entrada para o evento, que inclúe acceso a todas as actividades, ao espazo coworking, á presentación de proxectos, a comida e manutención e o resto de ideas programadas. Ten un prezo de 400 euros.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.