Stadia funcionará en Google TV a partir do día 23

luns, 7 de xuño do 2021 Marcus Fernández

O servizo de xogo na nube de Google lanzouse cunha carencia case inexplicable: non era compatible co último dispositivo Chromecast. Pero este problema vai camiño de solucionarse, xa que o vindeiro día 23 Stadia chegará ao Chromecast con Google TV, aínda que non se limitará a ese dispositivo, senón que tamén pasará a funcionar noutros dispositivos con Google TV, convertendo a Stadia nunha plataforma de xogo moito máis atractiva.
Stadia non só estará dispoñible en dispositivos HDMI con Google TV como a MiBox 3, a MiBox 4 ou os dispositivos nVIDIA Shield TV, senón que tamén estrearán compatibilidade oficial en televisores Hisense (U7G, U8G, U9G) e Philips (8215, 8505 e OLED 935/805), ou sexa, que abren a porta para que os televisores con Android no futuro integren Stadia, de xeito que será moi sinxelo gozar de xogos de consola sen ter unha consola de videoxogos, limitando as esixencias de hardware ao mínimo: unha pantalla e un mando.
Cómpre advertir que Stadia funcionará en moitos dispositivos con Google TV actuais, aínda que non teñan compatibilidade oficial, e o uso de Stadia baixo Google TV é unha función experimental, ou sexa, que aínda terá que madurar durante meses até conseguir a experiencia que desexan dende Google, conseguindo facer cada vez máis real a experiencia de consola na nube.

PUBLICIDADE